‘Outono’, o circo que fai “acrobacias” co paso do tempo

O público familiar ten unha cita este sábado en Tui. O Teatro Municipal acolle o 4 de novembro o espectáculo “Outono”. A compañía de novo circo galego PistaCatro é a encargada de presentar esta peza teatral a partir das 19:00 horas.

Ademáis, Pista Catro celebra os seus dez anos en escena. Para iso reuniron a parte dos seus fundadores cunha homenaxe aos pallasos clásicos. A proposta desenvólvese na carpa dun circo e reflexiona sobre o paso do tempo.

Aitor Garuz, Manu Lago, Natalia Outeiro “Pajarito” e Pablo Reboleiro, baixo a dirección de Antón Coucheiro, conforman o elenco deste espectáculo de teatro-circo con música en directo. No mesmo contan a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, unha celebración da amizade e dos fracasos, unha reivindicación de ser idiotas, unha mirada poética ao antigo oficio dos pallasos. En definitiva, un reencontro cheo de emocións, verdade e humor.

PistaCatro Productora de Soños leva a cabo dende 2006 a creación, produción e distribución de espectáculos de Novo Circo e Cabaré, estando formada por actores de teatro, músicos, malabaristas, acróbatas e clowns.

As entradas están a venda por un prezo de 3 e 4 euros na web de culturatui.info até mañá sábado ás 12:00 horas ou o sábado dende as 17:30 horas no despacho de billetes do Teatro Municipal de Tui.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*