O espectáculo “Redondo”, de Caramuxo Teatro, chega este domingo a Mos

O Multiusos das Pozas, en Mos, acollerá este domingo (18:00 horas) o espectáculo para bebes “Redondo”, da compañía Caramuxo Teatro. Pensado para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, “Redondo” é un espectáculo para a primeira infancia que xoga coas formas.

O argumento do show xira en torno á figura de Mr. Round, a quen fascinan todos aqueles obxectos redondos, os máis curiosos obxectos con formas de circunferencia. Un día, na súa incesante procura atoparán unha asombrosa esfera que agocha historias sorprendentes.

Trátase, en definitiva, dunha proposta moi visual, case sen palabras para gozar en familia. O espectáculo ten unha duración aproximada de 30 minutos, durante os que maioritariamente traballaranse as formas, as cores e os elementos naturais (mazá, verme, bolboreta…), dentro e fóra e as partes do corpo. De maneira máis abstracta, os nenos e nenas coñecerán aspectos novos de expresión cultural, música, e o comportamento necesario para observar un espectáculo artístico.

Os que non se poidan achegar até Mos, poden tamén ver o espectáculo o día 10 de novembro en Tui e o 26 do mesmo mes en Vigo.

Fin de semana para os cativos en Mos

Ademais deste espectáculo, o Auditorio das Pozas acollerá o mesmo domingo outro evento pensado para os máis pequenos. Trátase da visita dos Bolechas, que traerán a Mos as historias máis peculiares do Camiño de Santiago.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*