Moaña arranca dúas semanas de furanchos e folk co San Martiño

Viño e fartura para celebrar o San Martiño. Esta podería ser o lema oficial das festas grandes de Moaña que arrancan esta mesma fin de semana e se prolongarán até o domingo, 12 de novembro. As festas de San Martiño de Moaña, declaradas de Interese Turístico de Galicia, caracterízanse polo seu carácter enxebre e o roteiro de furanchos no que veciños e visitantes proban os viños da colleita a prezos populares. “Trátase duna festa moi especial na que moitos grupos de amigos reúnense con gaitas e bombos para percorrer os diferentes furanchos”, apunta o concelleiro de Cultura moañés, Salvador Meira.

Unha festa de gran peso popular que celebra este ano o 820º aniversario. Foi en 1197 cando, coincidindo co nacemento de Moaña como entidade de poboación, se celebraron por primeira vez.

Ás 20:00 horas desta noite de venres, 3 de novembro, os furanchos abrirán as súas portas para dar comezo a unha noite de esmorga que se alongará durante estas duas fins de semana. En total, a organización autorizou a 15 furanchos, entre os situados en casetas e carpas e os que se atopan nos baixos das casas, que estarán na zona do Adro Baixo e no aparcadoiro da antiga Rectoral de San Martiño, hoxe Escola de Música.

O día grande das festas chegará o sábado, 11 de novembro, cunha programación festiva que comezará as 10:00 horas e rematará coas verbenas das orquestras Televisión e Pontevedra. Nesta xornada haberá un servizo de autobús especial que sairá dende a Igrexa de Domaio ás 10:00, 11:00, 17:00, 19:00 e 21:00 horas, con recollida e baixada de pasaxeiros nas habituais paradas. O regreso será ás 14:30, 18:00, 20:00, 22:00, 0:00 e 02:00 horas.

Folk para a mocidade

Dentro da programación das festas de San Martiño, o Concello organiza o Día da Xuventude o xoves, 9 de novembro. “Buscamos celebrar unha xornada coa nosa música tradicional e grupos de folk”, apunta o concelleiro de Cultura. Así, dende as 20:00 horas arrancará a actuación dos Gaiteiros de Moaña, Pelexo de Ghaita, Fol-k Coiro e Fanfarria Taquicardia.

 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*