“Xoves do Vindel” para achegarnos ao Vigo de Martín Códax

A Universidade de Vigo arranca un ciclo de seis coloquios co gallo da exposición do Pergamiño Vindel en Vigo. Deste xeito, este mesmo xoves, 19 de outubro, arranca o ciclo de conferencias “Os xoves do Vindel” coa conferencia titulada “Aproximación á configuración urbana de Vigo na época do Pergamiño Vindel”,  a cargo do docente e investigador da UNED Anselmo López Carreira. Comezará ás 20:00 horas no edifico Cambón do Casco Vello de Vigo, situado na rúa Palma, 4.

Organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, trátase dunha iniciativa coordinada pola catedrática emérita Camiño Noia e na que participan os docentes e investigadores Bieito Arias, Xosé-Henrique Costas e Alexandre Rodríguez. Seis relatorios conforman o ciclo de conferencias dirixidas “no só ao alumnado universitario, senón ao alumnado e profesorado de bacharelato, e ao público en xeral, aos que recomendamos asistir ás conferencias porque nelas van recibir de primeira man- e dos mellores especialistas-, os contidos máis amenos e actualizados sobre cada un dos temas”, explica Xosé-Henrique Costas en relación con este ciclo, que considera “unha oportunidade única de mergullarse nunha riqueza cultural que ás veces pasaba inadvertida, e o Vindel é unha escusa perfecta para asollar na sociedade o pasado esplendoroso do Reino de Galicia”.

O día 2 de novembro o docente de Ensino Medio Xosé Xabier Ron Fernández falará sobre “Martin Codax: o nome. A onomástica da lírica trobadoresca”. Os relatorios continuarán o 16 de novembro coa intervención de Ceferino de Blas, cronista oficial da cidade de Vigo, que ofrecerá un relatorio titulado “Prensa, sociedad gallega y Martin Codax. ¿Cómo divulgaron los periódicos la figura del trovador y sus cantigas?” e o 14 de decembro o musicólogo Paulo Gonçalves falará de “A música dos trobadores”.

A actividade regresará o 25 e xaneiro con “As cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea” a cargo da docente da Universidade de Santiago Pilar Lorenzo Gradín e finalizarán o 8 de febreiro co tamén docente da USC Ramón Mariño Paz que falará sobre Literatura en galego e mecenado na Idade Media. “Alén de magníficos investigadores, entre os conferenciantes convidados hai moi bos comunicadores: quen se sinta atraído por coñecer mellor unha época esplendorosa da nosa cultura, do noso pasado, non quedará defraudado”, asegura Alexandre Rodríguez.

A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio do edificio Cambón. Quen asista regularmente a este ciclo, en cuxa organización participan ademais da Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que cede o espazo, recibirá un certificado acreditativo, para que previamente deberá inscribirse no enderezo electrónico comision_vindel@uvigo.es

 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*