Chaman a non esquecer a loita contra a violencia machista nun 25N marcado pola pandemia

Publicidad

Feminismo Unitario de Vigo chama á cidadanía a amosar o rexeitamento e repulsa da violencia contra a muller dende todos os ámbitos. Aínda que está convocada unha concentración na rúa Colón, tamén piden que todos aqueles que non poidan acudir esta tarde compartan vídeos e imaxes nas redes sociais sumándose á xornada de loita. A concentración, “sen bandeiras”, está prevista para ás 20:00 horas na rúa Colón. Animan a que cada muller achegue o seu cartel de casa, amais da obrigatoria máscara e manter a distancia de seguridade.

A pandemia supuxo tamén unha dura situación para aquelas mulleres que sofren violencia machista e que, nalgúns casos, víronse obrigadas a convivir co seu maltratador. Debido ao confinamento e a parálise da xustiza, os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.489 denuncias por violencia de xénero, un 7,3 % menos que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.607. En 2019, non afectado pola alteración da pandemia, os procesos xudiciais por violencia machista subiron un 45,7% con 10.598 procesos, namentres que os delitos contra a liberdade sexual ascenderon un 51% até situarse nos 1.894 procedementos. Dende o 2003 foron asasinadas máis de 1.000 mulleres en España.

O 25N conmemórase de xeito mundial despois de que a ONU declarara a xornada como Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller en 1999. Este acto busca lembrar ás tres irmás Mirabal, asasinadas en 1960 en República Dominicana por orde do ditador Rafel Leónidas Trujillo.

A Deputación leva as acción ao longo de todo 2021

A campaña da Deputación de Pontevedra arrancou coa instalación de dúas grandes pancartas despregadas nas fachadas das sedes da institución provincial de Pontevedra e Vigo. Ambos edificios da Deputación estanse a iluminar en cor todas as noites “como unha chamada de atención fronte ao que está acontecendo”.

A programación de visibilización da Deputación volve ter o proxecto “Mulleres en Acción. Violencia Zero” como referencia. As accións desenvolveranse ao longo de todo o 2021. O lema nesta VI edición é “Emerxencia cultural, urxencia feminista” e contará de novo con 25 accións que se desenvolverán en 25 concellos de todas as comarcas. As dúas accións inaugurais serán performances e terán lugar o propio 25 de novembro na praza da Peregrina de Pontevedra, a cargo de Janet Novás, protagonista do cartel deste ano, e o día 26 no Museo Marco de Vigo con Mónica Aranegui.

As accións previstas tocan as distintas vertentes culturais e , deste xeito, desenvolveranse outras dúas performances (a cargo de Analía Beltrán e Janés, así como Twins Experimental, formado por Laura Ramírez & Ainhoa Hernández); dúas intervencións murais de gran formato, con Btoy (Andrea Michelsson) e Milu Correch; catro accións de danza contemporánea (con Clara Ferrao Diz, Yara Bombox, Xiana Vilas e Ruth Balvís), sete accións escénicas (Esther Carrodegúas, Sue Moreno, Paula Sanmartín, Laura Villaverde, Stephy Llayora, Arantxa Treus e Carmen Méndez) ; seis musicais con Najla Shami; High Paw; Xoana; Macarena Montesinos; María Villanueva e Nastasia Zürcher) e dúas accións poéticas, con Miriam Ferradáns e Xiana Arias. Amais de Pontevedra e Vigo, as actividades desenvolveranse na Estrada, Cangas, Mos, Cuntis, As Neves, Arbo, Nigrán, Ponteareas, Redondela, Silleda, Caldas, Lalín, Bueu, Tomiño, Poio, Marín, A Illa de Arousa, Baiona, Salvaterra de Miño, Vilagarcía, Gondomar, Soutomaior, Vilaboa.

Salir de la versión móvil