Concentración ante o edificio do Centro Fotográfico de Vigo para esixir a súa apertura

Publicidad

Nova protesta en Vigo. O cambio de uso do Centro de Arte Fotográfica de Vigo, que pasará a ser sede da Deputación de Pontevedra na cidade, parece non ser do agrado de todos. Diferentes movementos sociais convocan este venres 18 de outubro unha mobilización que pide manter o uso orixinal do museo á vez que converterán a Praza Chao nunha mostra fotográfica. Consideran que a cesión do Concello á institución provincial supón a perda dun espazo cultural, un espazo que nestes últimos anos estivo carente de contido, baleiro, e sen abrir as súas portas tras unha breve inauguración en 2015.

A concentración é un chamamento a toda a cidadanía. Non vai dirixida só ao colectivo de fotógrafos. O obxectivo é que todas as persoas que se acheguen á Praza Chao este venres ás 19:00 horas vaian acompañados cunha imaxe do fotógrafo que desexen. A finalidade da protesta é esixir a apertura do Centro de Arte Fotográfico de Vigo no formato que estaba previsto cando se construíu.

O Centro de Arte Fotográfico de Vigo inaugurouse en 2015. Estivo aberto só tres meses. En agosto pechaba as súas portas ata xaneiro de 2020, momento no que o edificio recuperará a súa actividade para albergar a nova sede da Deputación de Pontevedra, segundo anunciu o rexedor vigués, Abel Caballero.

O alcalde de Vigo sinalou esta mañá en rolda de prensa que o convenio de cesión do Centro de Arte Fotográfico de Vigo inclúe o compromiso de seguir mantendo un edificio dedicado á fotografía, coa organización de exposicións e coa planta baixa dedicada a exhibir diferentes mostras.

A Xunta de Goberno Local deu o visto bo este xoves ao proxecto de convenio coa Deputación de Pontevedra para a cesión do edificio municipal da rúa Alta esquina coa rúa Chao e a extinción do dereito de uso sobre o edificio do número 3 da rúa Oporto, que pasará a usar Zona Franca logo da súa compra ao Concello. A Deputación de Pontevedra executará e custeará as obras necesarias para adecuar o uso do edificio e asume tamén os seus gastos ordinarios.

Salir de la versión móvil