Denuncian en Vigo o "escurantismo e falta de participación" no reparto de fondos Next Generation da UE

Mobilización este sábado en Vigo // Ecoloxistas en Acción

Publicidad

Diversas organizacións ecoloxistas, sindicais e colectivos sociais galegos realizaron este sábado, 30 de xaneiro, accións de protesta diante de diferentes sedes administrativas do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia para denunciar o “escuratismo e a falta de participación pública” no reparto dos fondos europeos de recuperación Next Generation, que nos vindeiros anos mobilizarán até 750.000 millóns de euros. Nas accións reivindicativas amosaron carteis denunciando que “o pastel xa está previamente repartido entre as grandes empresas, deixando fóra dos fondos o resto da sociedade”.

As organizacións denuncian a “falta de transparencia” por parte da Xunta na toma de decisións e nos criterios de adxudicación e esixen un proceso de participación pública vinculante para decidir o destino dos cartos. Así, piden que os gobernos estatal e galego modifiquen os criterios de reparto dos fondos Next Generation para asegurar unha maior transparencia e participación da sociedade civil, priorizar a contratación para proxectos estratéxicos de desenvolvemento local e centrar o destino do orzamento nunha verdadeira transición ecolóxica e a descarbonización da economía. Ademais, consideran que os proxectos deben plasmar perspectiva de xénero e combater a desigualdade, priorizar a colaboración público-comunitaria e dar prioridade ao apoio de iniciativas de persoas autónomas, labregas, mariñeiras artesás, cooperativas e pemes por ser os segmentos laborais que máis empregos xeran e máis repartidos están por toda a xeografía galega. Por último piden máis investimento para saúde, educación, investigación, coidados e cultura.

As organizacións sinalan que “seguir apostando por aumentar os beneficios económicos de grandes empresas contaminantes que vulneran os dereitos das persoas traballadoras é unha gran inxustiza, e non supón ningunha transición, nin ecolóxica nin social”.

Os fondos europeos asignados ao Estado español ascenden a 140.000 millóns de euros, a metade como préstamos e a outra metade a fondo perdido pero condicionados a reformas estruturais no eido laboral e das pensións. Os fondos que achega a UE “están a conseguirse a través da venda masiva de bonos de débeda que non sairán gratis e que, con toda probabilidade, haberá que pagar nun futuro”, aseguran.

Estes colectivos denuncian que o “comité de expertos” posto en marcha pola Xunta non conta con organizacións sindicais, profesionais da sanidade, de servizos sociais, nin da pequena e mediana empresa e aposta pola creación dunha sociedade público-privada con maioría privada que controle a xestión dos fondos. “Semella ter repartido xa o pastel, e polo que se vai sabendo, enfocando unha gran parte dos recursos cara a industria enerxética e as empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego”, rematan.

Salir de la versión móvil