Denuncian o segundo vertido de augas residuais na ría de Vigo en menos dun mes

Publicidad

A Asociación Veciñal de Teis vén de denunciar que a primeira hora deste domingo 15 de novembro produciuse un novo vertido na EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Teis. Nunhas imaxes en vídeo, un veciño lamenta que a depuradora estaría a verter de forma habitual durante as fins de semana augas residuais sen tratar directamente á ría de Vigo.

“Este tipo de vertidos son frecuentes desde hai anos e denunciáronse por parte da veciñanza reiteradamente”, apuntan dende a propia asociación veciñal, que xa denunciou o pasado 10 de outubro outro vertido similar. “Daquela, dirixímonos por escrito a Concellaría de Fomento e Servizos do Concello, solicitando que se tomaran as medidas necesarias para que non se produzan máis vertidos a ría de augas sen depurar e que se garanta un bo funcionamento desta planta depuradora”, explican.

A asociación de veciños non tivo resposta algunha por parte do Concello de Vigo e, segundo denuncian, “os vertidos seguen producíndose”. Ante o “dano que isto provoca ao medio ambiente”, esixen ao Concello e a empresa concesionaria (Aqualia) que “tomen medidas para evitar novos vertidos”.

Salir de la versión móvil