A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de admitir a trámite a solicitude de Ecoloxistas en Acción para que se estuden os posibles danos causados no ecosistema da praia da Calzoa en Vigo como resultado da súa designación como arenal canino.
“Unha vez que A Calzoa foi anunciada como praia para cans, produciuse unha masificación de mascotas ao longo de todo o ano, o que provocou unha caída na abundancia de aves acuáticas tanto en canto ao número de especies como ao número de individuos por especie, máis acusado no caso das aves migratorias que practicamente desapareceron, non só porque a presenza de cans desincentiva a fauna no uso deste espazo, senón tamén polos continuos ataques e persecucións aos que está sometida”, explican dende Ecoloxistas en Acción.
A petición recolle que A Calzoa constitúe un espazo de alimentación e descanso para aves limícolas e mariñas, principalmente para especies migratorias, xa que representa un importante punto de parada nas longas viaxes entre as súas zonas de cría e invernada. Unha biodiversidade que, segundo denuncian, podería estar en risco pola súa masificación ao ser declarada como praia canina.
Para Ecoloxistas en Acción, o número crecente de mascotas require decisións “serias e responsables en canto á súa xestión” e defenden que o uso destes refuxios de fauna, como a contorna natural da Calzoa e A Xunqueira do Lagares, “debe ser sostible e respectuoso” ante o que consideran como una “preocupante perda de biodiversidade”.
Esta praia tamén ten un ecosistema dunar, Hábitat Natural de Interese Comunitario "Dunas móbiles da costa con Ammophila arenaria", ameazada de desaparición na súa área de distribución natural. Este ecosistema, denuncian, “viuse rapidamente afectado pola compactación debido ao paso continuo de maquinaria pesada dedicada á limpeza da area, que se intensificou como consecuencia da designación de A Calzoa como praia canina”. Amais, a organización ecoloxista lamenta os “buratos feitos por cans que acceden ao ecosistema dunar”.
No apartado da biodiversidade, na Calzoa véñense observando aves de presenza frecuente como diferentes especies de gaivotas e corvos mariños, pilros, biluricos, virapedras, gavitas, lavanco real e garza real entre outras. Como especie non ornitolóxica, cómpre mencionar a lontra, mamífero catalogado como especies de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas de especial conservación xa que requiren unha estricta protección. “Puido observarse na Calzoa remontando o río dende o mar, ata que foi designado como espazo de esparxemento canino”, aseguran.