Moaña denuncia o "abandono" da Xunta en plena pandemia sen urxencias médicas

Concentración en Moaña contra os recortes en atención primaria

Publicidad

Máis de 2.000 persoas concentráronse este domingo en Moaña para clamar contra o “abandono” do Sergas á poboación do municipio morrancense. A Xunta eliminou o servizo de urxencias ao comezar o estado de alarma para centralizar os servizos en Cangas. Unha vez finalizou, Moaña quedo usen recuperalas. Esta foi a última medida que colmou a paciencia dos veciños e veciñas que levan décadas clamando pola mellora da asistencia primaria nun municipio que non conta coa infraestrutura necesaria e centraliza a atención na Casa do Mar.

A rexedora local, Leticia Santos, lamenta que a veciñanza debe acudir a urxencias a Cangas, “que non ten capacidade suficiente para atender a todos os pacientes, hai xente que espera na porta, fora do edificio, para poder ser atendido”, censura a alcaldesa.

O pleno municipal aprobou esta pasada semana una moción para esixir ao Sergas a restitución do servizo, pero non é a única deficiencia que padecen. As listas de espera de atención primaria telefónica suman máis de 21 días. O goberno municipal tamén esixe que se acelere a construción do centro de saúde que, tras anos de atrancos, foi ao fin aprobada despois das eleccións municipais. “Firmamos un convenio cando a Xunta lle interesou con catro anos de retraso porque non quixeron fírmalo pensando que ían ter réditos políticos nas municipais”, explica Santos que engade que “nos si o firmamos cando eles quixeron porque non buscamos réditos políticos”.

Os asistentes á concentración deste domingo, que se suma as concentracións semanais que se fixeron durante máis dun ano até o estalido da pandemia, consideran que a situación é xa “insostible”. Denuncian que no Morrazo o Sergas conta soamente con tres ambulancias, unha en cada concello, unha cifra insuficiente para a poboación que atenden. “Nas fins de semana van facer servizos a outros concellos e cando acoden quedamos sen ninguén”, explican. Por isto, pídese tamén sumar unha ambulancia medicalizada. “Se tarda unha hora é mellor que de a volta e que veña unha funeraria”, expresa a alcaldesa de Moaña que non entende que a Xunta “reduza a atención primaria en plena pandemia deixando a poboación ante un maior risco”. Por iso, o pleno municipal pediu tamén que se recupere a atención presencial xa que entenden que a telefónica “ten que ser residual e complementaria, e nunca a opción principal”.

A concentración deste domingo contou coa presenza da actriz María Salgueiro, encargada da lectura do manifesto no que se explicaba que “o que está a pasar agora na Casa do Mar é unha verdadeira vergoña e un insulto á cidadanía”. Tamén se lembrou ás dúas persoas falecidas fai sete días na Praia da Xunqueira. “No segundo caso, as ambulancias de Moaña, Cangas e Bueu estaban ocupadas, tendo que achegarse ata a praia unha ambulancia doutra localidade que tardou en chegar 20 minutos, máis tarde, traídas por Protección Civil de Cangas, chegaron 1 médica e 1 enfermeira do PAC. E máis de 45 despois de comezar os socorristas as labores de reanimación da bañista falecida, chegou a ambulancia medicalizada”.

A alcaldesa de Moaña enviou unha carta o pasado 27 de xuño a conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicando a situación e pedindo que se cumpran as peticións. A resposta aínda non chegou ao Concello.

Salir de la versión móvil