O BNG desprega unha bandeira xigante na ETEA para abrir a Semana da Patria Galega en Vigo

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego despregou onte unha bandeira xigante de Galiza na explanada da ETEA, en Teis, como acción simbólica coa que dar inicio aos actos da V Semana da Patria Galega organizada pola fronte nacionalista e por Galiza Nova.

No acto, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou o “compromiso social, en favor das clases populares e traballadoiras, que está detrás da reivindicación de soberanía”. Igrexas apostou, tal e como recolle o lema escollido polo Bloque para a súa campaña polo 25 de xullo, nunha “Galiza sen límites”.

“Queremos desenvolver todas as capacidades e potencialidades do noso País, e iso pasa por unha Galiza con plena capacidade de decisión. Esa Galiza sen límites non cabe nas costuras do actual estado autonómico, e esixe avanzar en termos soberanía para colocar a economía ao servizo das necesidades do pobo, para poñer freo a enxurrada migratoria que xa expulsou a máis de 200 mil mozas e mozos galegos nos últimos anos e para resolver a grave crise industrial que padecen comarcas como Vigo”, defendeu o portavoz municipal nacionalista.

Pola súa parte, o responsábel comarcal de Galiza Nova, Brais Ruanova, presentou a programación de actividades da V Semana da Patria Galega en Vigo, centrada “en sentirmos orgullosos de sermos galegos e galegas”. Ruanova puxo en valor que a mocidade estea a ver con cada vez maior forza que “a referencia política e a referencia para a loita social no noso País está no BNG”.

Desde o BNG e Galiza Nova fan un chamamento a participar na manifestación nacional que como é tradicional realizarán o vindeiro 25 de xullo en Compostela.

Programación Semana da Patria Galega en Vigo

Martes 20 - 20:00

Coloquio: A importancia de termos voz propia - Encontro con Néstor Rego

Mércores 21 - 19:30

Mesa redonda: A Cultura Galega Hoxe

Xoves 22 - 20:00

Presentación do libro: "Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán"

Salir de la versión móvil