O comité de empresa de Vitrasa desenvolveu hoxe as primeiras mobilizacións da campaña de protestas que vén de poñer en marcha para denunciar os “incumprimentos da empresa e do Goberno local” a respecto da colocación de baños e mamparas, da aplicación do ERTE e das tarxetas moedeiro, así como en cuestións relativas á contratación e seguridade e hixiene nos autobuses e no taller, segundo explican dende a CIG.
As concentracións tiveron lugar diante do Concello de 10:00 a 11:30 horas, para continuar posteriormente ás portas da empresa, na estrada de Camposancos, de 12:30 a 14:00 horas. Dende a representación do cadro de persoal explican que con estas protestas queren denunciar a “falta de resposta da dirección da empresa e dos responsábeis municipais ás súas reiteradas demandas”.
En concreto, ao Concello veñen solicitándolle “dende hai tempo” que non retire os baños hixiénicos instalados para o persoal de condución e que se aumenten nas liñas que non contan con este servizo nas cabeceiras.
Neste senso, emprazan o Goberno local a que manteña estes baños até que permita a instalación duns definitivos, “xa que pola contra volverémonos a atopar sen baños para poder facer as nosas necesidades”.
No que respecta ás tarxetas moedeiro, e ante a “boa acollida” que tivo esta iniciativa posta en marcha durante a pandemia do novo coronavirus, ínstano a facilitar a súa adquisición ampliando a súa venda a quioscos, estancos, puntos de chegada de viaxeiros, etc.
No que ten que ver co ERTE, lembran que ao inicio do estado de alarma o alcalde comunicou que ía blindar o salario dos traballadores das concesionarias, “polo que nos gustaría saber se a millonaria indemnización que anunciou que tería que abonarlle a Vitrasa garantirá que o persoal de condución poida recuperar a importante perda salarial sufrida durante o ERTE”.
Todas estas demandas fóronlle trasladadas ao Concello polo comité “en varias ocasións”, sendo a última o pasado 29 de abril, sen que polo de agora os responsábeis municipais se teñan pronunciado ao respecto.
Elevada eventualidade
Pola súa banda, á empresa solicítanlle a instalación da mamparas para protexer o persoal de condución e ás persoas viaxeiras de posíbeis ante a volta inminente da cobranza en efectivo, “xa que as que está a instalar a empresa na actualidade son inservíbeis para tal fin co único obxectivo de minimizar custos”.
A respecto do réxime de xornada, sinalan que debido á volta á normalidade e ao aumento de tráfico e viaxeiros os horarios dalgunhas liñas non teñen descanso real para os condutores durante a súa xornada de traballo, polo que reclaman a adopción de medidas ao respecto.
Outra cuestión que pretenden solucionar coa empresa é a elevada eventualidade, tendo en conta que a pesar das últimas conversións de contratos temporais a indefinidos “continúa habendo un número indeterminado de postos de traballo fixos cubertos por persoal eventual”.
No que ten que ver coa seguridade e a hixiene nos autobuses denuncian que teñen detectado “unha deficiente limpeza e desinfección dos vehículos, tanto no posto do condutor como no dos viaxeiros”.