O cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, ratificou por ampla maioría na asemblea celebrada este sábado a proposta do comité de convocar folga contra a modificación unilateral da xornada laboral por parte da empresa. Deste xeito, os empregados desenvolverán paros parciais durante 11 días do mes de decembro para rexeitar os cambios nas condicións de traballo impostos pola dirección.
A proposta do comité de empresa, presidido pola CIG, contempla paros parciais para os días 1, 3, 9, 11, 14, 16, 18, 21, 23, 28 e 30 de decembro en horario de 7:30 a 9:30 horas, de 13:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas. A proposta saíu adiante con 164 votos a favor e 15 en contra. Na asemblea que tivo lugar o sábado pola noite nas instalacións da empresa na estrada de Camposancos participaron un total de 164 persoas que emitiron o seu voto en urna.
Con esta folga o persoal de Vitrasa quere amosar “a súa oposición á modificación substancial das condicións de traballo por parte da dirección, que está a converter xornadas continuas en partidas para cubrir os reforzos de liñas necesarios pola situación derivada da pandemia”. Segundo denuncian, estes cambios unilaterais por parte de Vitrasa “vulneran o artigo 8 do convenio colectivo”, referente á modificación da xornada.
Fronte a isto, dende o comité reclaman máis contratacións para reforzar o servizo nas horas punta e evitar deste xeito que se enchan os autobuses, en lugar de que sexan os traballadores os que teñan que “sacrificar” os seus horarios laborais.