Unha nova sentenza, nesta ocasión do Xulgado do Social número 2 de Vigo, vén de recoñecer a relación laboral existente entre as empresas do Grupo Coren e o "falso persoal" cooperativista de Servicarne.Recoñécese así a relación laboral entre 250 falsos autónomos e a empresa Frigolouro no Porriño. O Xulgado do Social número 2 de Vigo foi o encargado de emitir sentenza, atendendo a demanda formulada pola Federación de Industria de CC.OO. e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
Esta nova resolución xudicial, datada en Vigo a 15 de setembro, bota por terra os argumentos das partes denunciadas —a falsa cooperativa Servicarne e Frigolouro—, explican dende CC.OO. "En consecuencia, con todo o argumentado, atopámonos ante un verdadeiro contrato laboral entre os traballadores que forman parte da cooperativa de Servicarne e Frigolouro, que é quen actúa como verdadeiro empresario", apunta a sentenza. Esta decisión xudicial, contra a que cabe recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), apunta que o "é de carácter laboral a relación que existe entre Industrias Frigoríficas del Louro, S. A., por un lado, e os traballadores".
Na acta de infracción da Seguridade Social, que recolle a sentenza, establécese que existe dependencia da actividade da cooperativa respecto do proceso produtivo da empresa, que a cooperativa carece de autonomía real para organizar e dirixir o traballo, así como que esta non realiza xestión de provedores nin ten unha política única de dirección de empresa dos utensilios nin da roupa de traballo.
Tamén recolle que a prestación de servizos efectúase persoalmente, con permanencia e de xeito habitual dentro da organización de Frigolouro, non tendo os socios as facultades pertinentes para aceptar ou rexeitar o traballo encomendado. Ademais, Servicarne non aporta outro elemento que a man de obra e as súas xornadas laborais rematan canda as de Frigolouro.
De feito, sostén que a transferencia económica efectuada pola empresa á cooperativa “vén a enmascarar o pago de salarios aos socios en retribución polos servizos en conta allea prestados á mesma”. Polo tanto, dá por confirmado que concorren os elementos de “alleidade, dependencia e retribución” que caracteriza o traballo por conta allea.
Segunda sentenza contra Frigolouro este verán
A coñecida esta semana é a segunda sentenza contra o uso de falsos autónomos en Frigolouro que chega no que vai de verán. A mediados de xullo, o Xulgado do Social número 1 de Lugo tamén lle daba a razón a CC.OO. e declaraba a relación laboral entre 105 falsos autónomos de Servicarne e as empresas Novafrigsa e Frigolouro, ambas as dúas do Grupo Coren. Tanto naquel caso coma neste, as sentenzas abren a porta a reclamacións millonarias en concepto de cotizacións á seguridade social e diferenzas salariais.