Cando apenas quedan un par de semanas para que arranque 2022 e con el a celebración do seu centenario, 21 especialistas na obra do escritor e ensaísta José Saramago, Premio Nobel de Literatura en 1998, participan desde este venres e ata o vindeiro martes na VI Conferencia Internacional José Saramago, unha cita coorganizada pola Cátedra José Saramago da Universidade de Vigo e a Universidade Lusófona de Humanidades e Tecnologías de Lisboa, na que se continuarán a explorar as grandes liñas temáticas tratadas en anos anteriores. O encontro arrancou este venres de xeito presencial na capital portuguesa e prolongarase ata o vindeiro martes, xa con formato en liña, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo.
Tras unhas verbas de benvida do director da Cátedra Saramago, o profesor da Universidade de Vigo, Burghard Baltrusch, a apertura do evento iniciouse coa proxección dun vídeo no que a presidenta da Fundación José Saramago e viúva do autor, Pilar del Río, saudou aos participantes desde a biblioteca do escritor na súa vivenda de Lanzarote, “unha casa levantada a base de libros e na que habitan tantos personaxes que lle permitiron a José Saramago ser o escritor que era”, lembrou Del Río. “Quería ensinarvos como era o espazo no que José Saramago reflexionaba sobre o mundo pésimo, ás veces, sobre o seu propio pesimismo, outras, ou simplemente sobre a súa condición de home realista”, recalcou a responsable da fundación que salvagarda o seu legado. Desde a mesa na que traballaba o escritor, “sempre ataviada con flores frescas”, ata as enciclopedias, os dicionarios, “que consideraba fundamentais” e, sobre todo, os miles de libros acumulados “durante unha vida de lector voraz e de persoa con curiosidade que precisaba saber que grandes obras realizaran outros seres humanos nun universo que tamén era o seu”.
Tras esta particular aproximación ao mundo saramaguiano realizada pola súa viúva, levouse a cabo a apertura oficial do encontro na que participaron diferentes autoridades da universidade anfitrioa – o reitor Mário Caneva Moutinho, o vicerreitor Carlos Alberto Poiares e o administrador Manuel de Almeida-, así como os profesores, Bulghard Baltrusch e Carlos Nogueira, coordinador desta VI conferencia, que aproveitaron a súa intervención para referirse ao intenso traballo que se está a levar a cabo desde a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, un labor co que se están a acadar resultados moi significativos, sobre todo a nivel investigador, con resultados publicados tanto en diferentes revistas indexadas na web de Science –algunhas delas do Q1- como na publicación de varios libros, entre eles, José Saramago: a escrita infinita, con Carlos Nogueira como editor e publicado por Tinta-da-China, editorial portuguesa cunha forte presenza internacional, e José Saramago e os desafíos do nosso tempo, editado pola Universidad Autónoma de Barcelona, cos profesores Carlos Nogueira, Burghard Baltrusch e Jordi Cerdà como editores.
LevantadoS do Chão, unha chamada a erguerse
Esta sexta edición da conferencia celébrase baixo o lema LevantadoS do Chão, Não sou pessimista; o mundo é que é péssimo, o expressivo subtítulo de Levantado do Chão, novela publicada en 1980 e na que o autor relata a historia dos habitantes da freguesía portuguesa de Lavre, na rexión do Alentexo portugués desde 1910 ata 1979, incluíndo a Revolución dos Claveis, o 25 de abril de 1974. “O plural que engadimos ao título dunha das novelas máis significativas de José Saramago viña traducir a idea da inmensidade das e dos levantados do chan no que a expresión comporta, porque a obra e a vida de Saramago foron – e son – contribuíntes para que as persoas poidan erguerse por enriba das condicións que lles foron impostas”, salientaron desde a organización.
Nesta primeira xornada do encontro estanse a celebrar diferentes conferencias plenarias. A primeira, impartida polo propio Burghard Baltrusch, analizou a relación entre o poético e o político en José Saramago. A segunda, correu a cargo de José Manuel Mendes, da Asociación Portuguesa de Escritores, e centrouse na obra Levantado do Chão, “o romance que marcou o inicio do recoñecemento nacional e internacional do autor, singularmente na expresión, a construción narrativa e na voz narradora-autoral”. A terceira conferencia plenaria, que se impartirá xa en horario de tarde, correrá a cargo do profesor da Universidade de Lisboa, Miguel Real e consistirá nunha aproximación entre dous dos máis relevantes escritores e pensadores portugueses e universais: Fernando Pessoa e José Saramago.
Participación activa do alumnado da UVigo
Concibido como lugar de encontro dos estudosos da obra de Saramago, desde os seus inicios o congreso pretendeu incluír ao estudantado. Nesta liña, en todas as xuntanzas sempre se lle deu aos alumnos e alumnas un papel destacado. Nesta ocasión, ademais de acudir como asistentes, un equipo de oito alumnos e alumnas das universidades Vigo e A Coruña van participar nunha mesa redonda e un debate sobre cuestións de xénero e política en José de Saramago, e un equipo de estudantes de Museoloxía da Universidade Lusófona de Humanidades e Tecnoloxías contribuirán tamén cunha exposición virtual titulada José Saramago e a Declaração Universal dos Direitos Humanos, coordinada polo propio reitor, Mário Caneva.
Entrega dos Premios de Ensaio José Saramago
Co mesmo espírito formativo e ambición didáctica e divulgativa, nesta primeira xornada do congreso levarase tamén a cabo a entrega do Premio de Ensaio José Saramago, unha iniciativa destinada a premiar traballos realizados sobre Saramago por estudantes de grao/licenciatura de calquera parte do mundo. Nesta ocasión, recollerán o galardón, ex aequo, Ariana Giselle Borges Sanches, da Facultade de Letras da Universidade do Porto, polo traballo Caim: da relação entre Deus e os homens, e dos homens consigo mesmos – Existencialismo (?) na obra de José Saramago, e Nuno Alexandre Macedo de Castro, da Universidade Aberta do Brasil por Educação Visual: Notas sobre a Écfrase em Manual de Pintura e Caligrafia.
O xurado -composto por Carlos Nogueira, Manuel Frías Martins e Miguel Real- fixo referencia na resolución do premio á “construción de ideas destes dous ensaios, orixinais nalgunhas das principais perspectivas de lectura que os estruturan, sólidos no apoio metodolóxico e crítico, coherentes na capacidade de síntese, nas interpretacións e nos xuízos, e redactados con rigor, elegancia e claridade; ensaios que deixan entrever un bo futuro na área do ensaísmo e do pensamento, así como da acción cultural e cívica, por parte de Ariana Sanches e de Nuno Castro ”.