A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar unha nova convocatoria do Plan de Práctica Laboral para que 400 persoas acaden unha primeira experiencia laboral “en empresas, corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais”, sinalou.
Trátase, polo tanto, de 400 bolsas que teñen a finalidade de “que mozas e mozos con titulación universitaria ou de FP sen experiencia laboral previa no ámbito dos seus estudos, poidan promover e completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ao mercado laboral”. 360 das bolsas destinaranse a empresas privadas e, as 40 restantes, a corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais.
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe as bases “que regulan as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, da selección e distribución destas 400 bolsas” que se retribuirán con 740 € para as persoas con ciclo superior de FP e con 840 € para as que posúan titulacións universitarias, aumentando as cantidades respecto á anterior convocatoria (igual que no caso do Plan de Práctica Laboral na Deputación e os concellos) e situando o investimento nun total de “4.221.984 €, dos cales 703.664 se corresponden coa anualidade 2018 e, 3.518.320 euros, co exercicio 2019”.
Carmela Silva resaltou que “se sumamos os máis de 2 millóns de euros que destinamos ao mesmo plan pero nos concellos da provincia e na Deputación” –o prazo de presentación de solicitudes para as persoas interesadas en gañar unha das 200 bolsas de práctica laboral na Deputación e os concellos segue aberto ata este luns 7 de maio–, “falamos dun total de 6.221.984 euros destinados a facilitar a inserción laboral, tanto na empresa privada como na administración pública, de 600 persoas”. Isto supón “313.000 € máis que o ano anterior”, informou, o que se traduce nun 5,3%.
As empresas interesadas deberán preinscribirse en liña a través de www.depo.gal e presentar o xustificante electrónico xerado durante a preinscrición no Rexistro da Deputación coa documentación correspondente. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOPPO.