A UVigo amplía a 18 cursos a oferta formativa da nova edición do Itinerario Virtual en Xénero

Publicidad

Co obxectivo, por unha banda, de dar resposta ás necesidades de formación en xénero da comunidade universitaria e, por outra, de reforzar o obxectivo da institución académica de converterse nun referente social en igualdade, a UVigo lanza unha nova edición do Itinerario Formativo Virtual en Xénero. Para atender a alta demanda rexistrada en anos anteriores, a Universidade de Vigo, a través da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado e a Unidade de Igualdade e coa colaboración e apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e da Xunta de Galicia, decidiu ampliar a oferta a 18 cursos en liña, agrupados en cinco grandes áreas temáticas, que van da educación sexoafectiva, ás políticas de igualdade, pasando pola ciencia, tecnoloxía e xénero e as novas reflexións sobre o sexo e o xénero.

A inscrición para acceder a esta formación, destinada a alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos e outro persoal relacionado coa Universidade, poderá realizarse entre os días 20 de setembro ao 20 de outubro. Porén, os volumes co material didáctico dos cursos poderán ser descargados de forma gratuíta desde a web do itinerario por calquera persoa. As persoas que completen os cursos do itinerario obterán un certificado que acredita a formación e o selo distintivo “Eu teño formación en igualdade”, que poderán usalo na súa web, redes sociais ou calquera documentación na que resulte de interese acreditar o curso realizado.

Cinco grandes áreas temáticas

A oferta académica deste ano agrúpase en cinco grandes áreas temáticas: introdución á formación en xénero; educación sexoafectiva; ciencia, tecnoloxía e xénero; política de igualdade e novas reflexións sobre o sexo e o xénero, co obxectivo de que as persoas que estean interesadas en realizar varios cursos poidan completar un bloque con contidos relacionados e, desta forma, coñecer diferentes perspectivas. Entre os contidos ofertados, o programa aborda desde unha reflexión sobre as novas masculinidades ou a pornografía ata a relación entre xénero e tecnoloxías emerxentes, como a intelixencia artificial.

Aínda que se poden realizar os cursos de forma independente, desde a Unidade de Igualdade se recomenda comezar cunha introdución á perspectiva de xénero (40 h), que sirva de base para asimilar mellor o resto de coñecementos.

Docentes de referencia

O itinerario conta cun equipo de docentes, tanto da Universidade de Vigo como doutros centros do Estado, referentes nos seus respectivos campos, como Beatriz Suárez, profesora e impulsora dos estudos feministas na UVigo e asesora do presidente da Xunta en materia de xénero entre 2005-2009; Capitolina Díaz, ex presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT); Rosa Cobo, autora de diversos libros sobre prostitución e pornografía e recoñecida con varios premios, entre eles ao correspóndete ao pensamento feminista outorgado pola Delegación contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade; ou Amparo Alonso, presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial (AEPIA).

Desde a Unidade de Igualdade se destaca que este itinerario virtual en xénero naceu co fin de incrementar a calidade na docencia universitaria, a través da incorporación da formación teórica en xénero e da inclusión do enfoque de xénero. Así mesmo, lembran que a necesidade de formación especializada en xénero da comunidade universitaria foi unha das principais conclusións que reflectiu o estudo Valoracións, percepción e impacto das políticas de igualdade entre mulleres e homes na Universidade de Vigo, presentado en 2020, no que se puña de manifesto que arredor do 70% da comunidade universitaria quería mellorar os seus coñecementos sobre igualdade.

Salir de la versión móvil