A UVIgo impulsa coas axudas Incuvi 17 novos proxectos empresariais do alumnado máis emprendedor

Publicidad

A Universidade de Vigo viviu este xoves a súa gran festa do emprendemento universitario. Fíxoo co acto de entrega da X edición das Axudas Incuvi-Emprende, VI de Incuvi-Avanza e II de Incuvi-Consolida, tres convocatorias coas que a institución académica viguesa se converte no principal punto de apoio das súas alumnas e alumnos dispostos a emprender as súas propias ideas de negocio. Por segundo ano consecutivo o acto tivo que celebrarse de xeito virtual debido ás actuais circunstancias sanitarias, pero isto non foi impedimento para que a institución académica viguesa puxese en valor estas 17 iniciativas emprendedoras. “Unha mágoa que non esteamos todos xuntos no campus, pero hai que adaptarse aos tempos que corren”, salientou o reitor, quen aproveitou este acto para anunciar a posta en marcha dun novo espazo Incuvi no campus de Vigo apoiado polas entidades patrocinadoras e dos que xa poderán beneficiarse os gañadores desta edición.

Xunto ao reitor contouse tamén coa participación do director de convenios e mecenado de Santander Universidades, José María García de los Ríos, e da directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, quen lamentou a ausencia da vicerreitora de Extensión Universitaria Natalia Caparrini que, debido a motivos familiares, non puido asistir. Todos lles deron os seus parabéns aos promotores das 17 iniciativas que foron premiadas: doce axudas Incuvi Emprende, para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; catro axudas Incuvi Avanza, para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración e unha axuda Incuvi Consolida para que un proxecto xa constituído, que pasou polos programas Emprende e Avanza, poida seguir recibindo mentorización específica e unha axuda económica que lle facilite a súa consolidación empresarial.

Do 'renting' de moda aos temas de saúde, 12 novas ideas para Incuvi Emprende

Con respecto aos proxectos galardoados na décimo edición de Incuvi Emprende, a directora da Área de Emprego e Emprendemento Maruxa Álvarez destacou o seu elevado grao de madurez. “Hai moita materia prima de moi alta calidade”, recalcou Álvarez, ao que engadiu que, si ben se segue apostando por iniciativas de servizo á sociedade, “tanto en temáticas de saúde ou atención ao envellecemento”, hai outras vinculadas directamente á transferencia de resultados de investigación, que apostan polo turismo innovador, ou que promoven escalar as súas innovacións e incluílas na industria da moda circular e inclusiva. “Tanto as temáticas dos proxectos propostos como os perfís das persoas que os promoven son moi variadas e este factor vai ser unha grande aposta de valor para o programa, do que sen dúbida todas as persoas participantes se van a ver beneficiadas”, salientou a responsable da Área de Emprego.

Algunhas das propostas gañadoras teñen xa certo grao de maduración e contan incluso con proposta de nome comercial, mentres que outras están aínda pendentes de ir perfilando todos os detalles que compoñen unha idea de negocio xa máis consolidada. Lilla: renting de moda, propón a adaptación do concepto do ‘renting’ ou aluguer á moda co obxectivo de darlle acceso ao público en xeral a produtos exclusivos que, doutro xeito, non se podería permitir. Tamén en relación co sector textil outra das iniciativas gañadoras propón a creación dunha marca de roupa inclusiva de xénero no-binario, na que non se teña en conta nin a morfoloxía masculina nin a feminina.

Desde o Grao da Enxeñaría Biomédica un grupo de catro alumnos propoñen un sistema que facilitaría a detección precoz de infeccións en dispositivos implantables visibles por viraxe de cor e, dos seus veciños do Grao en Enxeñaría da Enerxía, apostan por un proxecto de eólica mariña sobre batea. Moitas propostas chegan tamén do ámbito científico. InsectNova diríxese a obtención de fariñas ricas en proteínas a partir de insectos, “un novo recurso natural 100% sostible, a baixo custo e que podería saír ao mercado de forma moi competitiva”. No caso de Rocío Paladea, do Máster en Biotecnoloxía Avanzada, propón un sistema de crio-preservación de gametos de especies animais de interese comercial e/ou en perigo de extinción.

O centro de día Ruliña é outra das iniciativas gañadoras e, en relación co sector hoteleiro e turístico, están Rooms Renovación Hotelera Eficiente e Work Like a Local, “unha consultoría turística cuxa misión será adaptarse ás necesidades do novo viaxeiro de negocios poscovid”. Completan o cadro de ideas gañadoras a academia de alto rendemento TecnifícaT; Uvigo Merch, un proxecto de tenda de merchandaising para a Universidade de Vigo, e Innovocis, un proxecto que une a comunicación dixital coa innovación.

Incuvi Avanza, catro proxectos case listos para dar o salto ao mercado

Os catro proxectos seleccionados para participar nesta edición en Incuvi Avanza, formaron parte o curso pasado de Incuvi Emprende. Foi un primeiro contacto co mundo empresarial e agora agardan dar novos pasos que lle permitan dar xa o salto ao mercado. No caso de Diana Limón, proxecto de comunicación dixital e copywriter especializado no sector artesán, está promovido por Diana Torres, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, e o seu obxectivo é “facilitarlles aos artesáns a súa transición cara o mundo dixital, axudándolles a transmitir a súa esencia ás súas propias páxinas web”.

Relacionado tamén cos produtos artesáns, neste caso alimentarios, está daOrixe, unha plataforma de venda de produtos de proximidade e responsables coa contorna, impulsada por Viviana Martínez, titulada do Máster de Responsabilidade Social Corporativa. “Eu o que fago é identificar a pequenos produtores galegos que buscan producir os seus produtos de forma sostible e axudar aos consumidores a descubrir e comprar este tipo de produtos”, tal e como explicou no vídeo de presentación a súa impulsora.

Completan os proxectos de Incuvi Avanza Navia3D, unha iniciativa cultural que xurdiu da unión entre a arqueóloga Rita Pérez e o enxeñeiro Simón Fernández e que persegue salvar distancias entre patrimonio histórico, cultura e tecnoloxía -fotogrametría, deseño e impresión 3D, prototipos virtuais e físicos, cursos formativos e divulgativos...- e Vi&Go, impulsada por Marta Álvarez, Ignacio Iglesias e Adrián Marnotes, proxecto que ofrece aos seus posibles clientes unha subscrición a unha rede de carga e intercambio de baterías de motocicletas eléctricas, tanto de uso particular como profesional.

Incuvi Consolida para un proxecto relacionado coa industria alimentaria

Desde ODS Protein, a idea gañadora da segunda edición de Incuvi Consolida, producen proteínas alternativas a través de diferentes procesos de fermentación, aptas para ser incorporadas en múltiples produtos da industria alimentaria. “Son proteínas que deben cumprir certos requisitos como, por exemplo, ser unha proteína completa, é dicir, ter todos os aminoácidos saudables que se poden obter a través da dieta; que sexa versátil e poida engadirse a diferentes tipos de produtos e, tamén, que sexa sostible no seu proceso de produción”, explican os seus impulsores, Iria Varela e Martín Rodríguez, graduados en Bioloxía e estudantes de posgrado en temas relacionados con biotecnoloxía alimentaria e xestión empresarial. A iniciativa, que xa pasou por Incuvi Emprende e Incuvi Consolida, ten dúas liñas de negocio ben diferencias; dunha banda, a venda en polvo desta proteína á industria alimentaria e, da outra, a colaboración en investigación e desenvolvemento de novas fórmulas baseadas en proteínas alternativas.

“O noso paso por Incuvi Avanza permitiunos validar a escala laboratorio e preindustrial o produto mínimo viable (PMV), mellorar o noso plan de negocio e incrementar as relacións cos clientes”, explica Martín Rodríguez, ao que engade que de Incuvi Consolida agardan “seguir crecendo cara a comercialización do noso produto mediante probas de escalado do proceso produtivo e consolidar acordos con clientes, así como aumentar o número dos mesmos a través da asistencia a ferias e eventos do sector”.

Salir de la versión móvil