A Uvigo lanza a súa Escola Aberta: formación universitaria para toda a cidadanía

Publicidad

A Universidade de Vigo vén de lanzar a súa Escola Aberta de Formación Permanente, unha estructura que busca evitar a "dispersión" das ensinanzas non oficiais á vez que ofrece formación apra os novos escenarios laborais e educativos que precisan as persoas traballadoras ao longo da vida, co gallo de adaptar os coñecementos as novas necesidades.

O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, expresou este mércores a súa “enorme satisfacción” por poder presentar esta iniciativa que é “unha fiestra aberta ao futuro”. A súa posta en marcha estaba recollida no programa electoral do actual equipo de goberno como un eixo estratéxico de apertura a toda a sociedade mediante unha oferta de títulos propios "coordinada, de calidade e adaptada á demanda". 

A Escola Aberta de Formación Permanente xestionará toda a oferta de estudos propios da UVigo vinculados ás necesidades e demandas da sociedade, complementando os estudos oficiais, deseñando programas educativos que favorezan a empregabilidade, a reciclaxe e a promoción profesional das persoas traballadoras, xerando convenios de formación con empresas ou institucións externas e detectando e atendendo as necesidades formativas do PDI da Universidade de Vigo. Tamén pasan a entrar nesta estrutura os programas de actualización docente, que se viñan desenvolvendo a través da Área de Formación e Innovación Educativa e o Programa Universitario de Maiores. Á fronte da escola estará a profesora María José Moure, docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que foi a encargada de presenta a EAFP en rolda de prensa xunto co reitor, Manuel Reigosa, e o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos.

A EAFP nace como “unha ligazón entre os axentes que demandan esa formación continua, tanto persoas como empresas ou asociacións, e a Universidade de Vigo”. A escola caracterízase por ofertar unha formación aberta, flexible, colaborativa e en constante contacto coa contorna. O carácter aberto débese a que está destinada tanto a persoas que non forman parte do eido universitario (estudantes sénior, empresas que queren actualizar os coñecementos do seu persoal ou traballadores que queren mellorar a súa traxectoria profesional) como ao estudantado actual que queira completar o seu currículo e ao persoal da UVigo que precise actualizar as súas competencias.

A formación será progresiva, ofertando diferentes tipos de títulos, que poden ser de posgrado para persoas que conten cun título universitario, ou doutro tipo para persoas sen titulación superior. Tamén contará con cursos de formación e innovación educativa para o PDI, os MOOCs ou o Programa para Maiores.

Moure explicaba que outra das características desta nova escola será a flexibilidade, de xeito que cada estudante decida que quere estudar, dependendo do tempo, os intereses ou a capacidade económica. Así, por exemplo, dun mestrado propio poderase cursar unha parte para obter o título de experto; con dous títulos de experto adquírese o de especialista e, á súa vez, con dous de especialista obterase o de mestrado. Outra aposta será a formación en liña para saír da contorna xeográfica inmediata da UVigo e poder chegar a outros espazos educativos como Europa ou Latinoamérica. Para iso a EAFP contará con todas as ferramentas de teledocencia da institución que facilitan a virtualización das clases.

Formación de balde e unha oferta de cursos xa dispoñible

Outra pata da escola será a formación gratuíta e masiva a través dos cursos MOOC, que son abertos e sen restricións de admisión. Neste apartado xa está dispoñible, por exemplo, o MOOC Aula Internacional de Estudos Hispánicos en Teoría da Literatura e Literatura Comparada.

Ademais desta formación de balde, na web da escola xa se poden consultar os títulos propios que se están ofrecendo, como o de Especialista en Dereito Laboral e da Seguridade Social ou Especialista Internacional en Termalismo e SPA. No que se refire á formación e innovación educativa para o PDI, na web están colgados todos os cursos, como o de Formación en redes sociais para docentes universitarios ou A comunicación escrita en contornas virtuais.

Unha aposta polos mestrados propios

Unha das propostas estratéxicas dentro da Escola Aberta de Formación Permanente serán os mestrados propios, un tipo de titulación cada vez máis presente nas universidades, pero que a UVigo aínda non oferta. Como explicaba o reitor, “é unha visión de futuro importante”, xa que non é unha formación estrutural, senón que responde a unha “necesidade concreta” nun tempo determinado. Como consecuencia, engadía Reigosa, “organízase máis rápido que un mestrado oficial” e permanecen na oferta mentres existe esa demanda, o que permitirá que a oferta deste tipo de títulos mude conforme o fan as necesidades formativas da contorna. Na actualidade xa se está a traballar en varias propostas ao tempo que se avanza nunha normativa que permita a oferta deste tipo de formación, xa que ata agora non tiña encaixe legal na UVigo, como explica o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos. “Agardamos que se poida levar esta normativa de títulos propios ao próximo Claustro en xuño ou xullo

No transcurso do acto, e a preguntas dos medios de comunicación, o reitor avanzou que o acto de inauguración da sede institucional da UVigo no Berbés terá lugar o vindeiro luns 31 de maio.

Salir de la versión móvil