A Xunta de Galicia empeza a convocar as primeiras axudas enmarcadas no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 presentado oficialmente o pasado 20 de xaneiro. Hoxe mesmo o DOG publica a Orde de subvencións para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixida a menores de 35 anos, unha liña de axudas que contará en 2021 cun orzamento inicial de 800.000 euros.
As axudas convocadas hoxe enmárcanse nas liñas estratéxicas do devandito pacto, que combina iniciativas novidosas no eido residencial con outras xa implantadas no pasado. Este é o caso do programa dirixido á mocidade para a adquisición de vivendas en concellos pequenos, que desde a súa posta en marcha en 2018 esgotou todos os anos o crédito dispoñible. Só a través da convocatoria do ano pasado o IGVS axudou a 120 galegos de menos de 35 anos na compra da súa vivenda habitual, unha cifra á que hai que sumar as 221 subvencións concedidas ao abeiro das dúas ordes anteriores.
No caso da convocatoria de 2021, o prazo para a presentación de solicitudes abrirase a partir de mañá e prolongarase ata o próximo 1 de setembro. En canto aos requisitos, a vivenda terá que estar xa construída (sexa nova ou usada) e situarse nun dos 215 concellos con menos de 5.000 habitantes que hai en Galicia. Ademais, o prezo de venda non poderá superar os 100.000 euros e o importe máximo da axuda será de 10.800 euros.
En canto ao alugueiro, lanzarase en breve a modalidade de arrendamento con opción de compra para os menores de 35 anos, reformarase o programa de vivendas baleiras con axudas de ata 8.000 euros para os propietarios, e estableceranse novos instrumentos de colaboración entre a Xunta e as entidades sociais para paliar a exclusión residencial dos colectivos máis vulnerables.
Así mesmo, no relativo á estratexia para mobilizar máis solo residencial, primaranse aquelas ofertas para construír vivendas de protección autonómica, destinadas ás persoas e colectivos con maiores dificultades.