A Xunta de Galicia subvencionará con ata 10.800 euros a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así consta na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria e se abre o prazo de presentación de solicitudes desta axuda, incluída no Plan de Vivenda 2018-2021.
O obxectivo destas subvencións é contribuír ao asentamento de mozos nos concellos menos poboados, favorecendo a fixación de poboación nova nas áreas máis rurais de Galicia. Segundo os datos do padrón municipal do Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondentes a 2017 soamente catro concellos na área de Vigo poderanse acoller a estas axudas. Trátase de Arbo (2.711 habitantes), Fornelos de Montes (1.694), Oia (3.004), Pazos de Borbén (2.991)
A resolución establece que o importe de cada axuda concedida será do 20 por cento do custo de adquisición da vivenda e sempre cun límite máximo de 10.800 euros por beneficiario. O prazo para a presentación de solicitudes comezará mañá e estará aberto durante un mes, sendo o último día para poder acollerse á convocatoria o 16 de novembro.
Está previsto que estas axudas se convoquen tamén para os anos 2019, 2020 e 2021 cun importe total de case tres millóns de euros: 200.000 euros correspondentes á convocatoria de 2018 e 2.750.000 euros a repartir entre os próximos tres anos.
Poderán acollerse á convocatoria de 2018 os propietarios de vivendas que, reunindo todos os requisitos esixidos na resolución, fosen adquiridas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018. Neste sentido, os principais requisitos que teñen que cumprir os solicitantes destas axudas serán:
- Ter menos de 35 anos de idade na data de presentación da solicitude.
- Ter nacionalidade española ou residencia legal en España.
- Dispoñer duns ingresos anuais por parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem). Excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a 4 veces o Iprem. (consultar na resolución do DOG).
Polo que respecta ás vivendas, estas deberán cumprir as seguintes condicións:
- Estar emprazada nun concello de menos de 5.000 habitantes.
- Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
- O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000 euros.