Aberto o prazo de inscrición para as 102 prazas das dúas escolas infantís públicas de Tomiño

Publicidad

Xa está aberto o prazo de inscrición para acceder ás dúas escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos do concello de Tomiño, o único municipio da comarca que conta con dous centros de educación infantil públicos. O concello conta con dúas escolas Galiña Azul pertencentes á rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, unha en Tomiño e outra en Goián. Dende o Concello de Tomiño quérese animar a todas as familias con nenos e nenas desta idade a anotar aos seus fillos e fillas a inscribilos nestas escolas públicas, coas vantaxes que iso conleva.

Ata o 9 de abril os pais e nais poden solicitar algunha das 102 prazas (61 en Goián e 41 en Tomiño) que se ofertan nas dúas escolas, tanto de renovación como de novo ingreso. Este prazo ampliarase ata o 8 de maio para casos extraordinarios, como novos nenos e nenas nados nesas datas, cambios de domicilio... o que terá que ir acompañado da documentación que xustifique.

Ademais, cada curso resérvase unha praza por aula para nenos e nenas derivados dende os Servizos Sociais previa aprobación do Consorcio. A lista provisional con lista de inscritos e lista de agarda será publicada o 9 de maio.

Requisitos

As e os interesados deberán entregar toda a documentación no centro escolar que queiran escoller como primeira opción e na propia solicitude se marcan varias escolas por orde de preferencia, para que en caso de que non haxa prazas na primeira opción poidan derivarse a outros centros. Darase prioridade aos nenos e nenas empadroados e, se sobran prazas, repartiranse entre os que o seu pai ou nai traballa no municipio e, por último, para cativos e cativas de concellos limítrofes.

Tras esta primeira criba teranse en conta o baremo da Xunta de Galicia, no que se puntúa segundo situación familiar, laboral e económica. Aquelas familias que quedan en lista de agarda poden solicitar o Bono Concilia, unha axuda económica para poder matricular aos nenos e nenas noutros centros e que xa se pode solicitar nestes intres.

Con horario de 07.30 a 17.30 horas, os pais e nais poden elixir se ir en media xornada (catro horas) ou en xornada completa (máis de catro horas), que poden estenderse ata en dúas horas a maiores en casos moi concretos por incompatibilidade horaria das familias. Ambas as dúas contan con servizo de comedor.

Salir de la versión móvil