Ángeles Sanromán e Isabel Pastoriza, Medallas de Investigación 2022 da Real Academia Galega de Ciencias

Ángeles Sanromán, recoñecida no campo das Ciencias Técnicas, e Isabel Pastoriza, medalla na sección de Química e Xeoloxía

Publicidad

As investigadoras e docentes da Universidade de Vigo, Ángeles Sanromán Braga e Isabel Pastoriza Santos, recibirán o vindeiro 6 de outubro, data de celebración do Día da Ciencia en Galicia, as Medallas de Investigación 2022 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), no campo das Ciencias Ténicas e no da Química e a Xeoloxía, respectivamente. Xunto ás científicas da UVigo, a RAGC premiará este ano os científicos da USC, Jesús López Romalde, Ramón Máiz Suárez e Jorge Mira Pérez, recoñecendo no caso dos cinco galardoados as traxectorias senlleiras e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais do fomento da promoción da ciencia e tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos.

Na súa cuarta edición, o acto de entrega das Medallas de Investigación 2022 da RAGC desenvolverase no Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela o 6 de outubro.

Ángeles Sanromán, medalla Isidro Parga Pondal

“Os seus extraordinarios méritos como investigadora no campo da Enxeñaría Química, a súa capacidade de formación de mozos investigadores e o impacto na contorna económico-social da transferencia dos seus resultados de investigación”, son os méritos que a sección de Ciencias Técnicas da RAGC recoñece á catedrática de Enxeñaría Química da UVigo Ángeles Sanromán (Cádiz, 1964) e polos que lle outorga a medalla Isidro Parga Pondal. “Para min este premio supón o recoñecemento a unha traxectoria profesional dedicada á aplicación da Enxeñaría Química en áreas como a Tecnoloxía Medioambiental e a Biotecnoloxía”, asegura Sanromán, que centra boa parte da súa actividade en eidos como o tratamento de efluentes, rexeneración de solos contaminados e tratamentos electroquímicos.

A catedrática da UVigo, que puxo en marcha o grupo de referencia internacional de Bioenxeñaría de procesos sostibles, Biosuv, considera o galardón “un recoñecemento para aqueles que no seu día apostaron por min e animáronme a tomar este camiño tan apaixonante. Por iso gustaríame compartilo cos que ao longo da miña traxectoria foron uníndose ao grupo Biosuv na UVigo e especialmente coa miña familia”. Ángeles Sanromán participou en máis de 50 proxectos de investigación e na elaboración de sete patentes internacionais, ademais de formar parte do reducido grupo de investigadoras e investigadores incluídos na clasificación dos máis citados da Universidade de Stanford.

Isabel Pastoriza, medalla Antonio Casares

Profesora titular no Departamento de Química física da UVigo, Isabel Pastoriza Santos (Bueu, 1974) foi a investigadora elixida este ano pola sección de Química e Xeoloxía da RAGC para outorgarlle a medalla Antonio Casares Rodríguez. A Academia Galega de Ciencias destaca “a súa capacidade para deseñar e desenvolver importantes proxectos científicos, así como para dirixir a mozos investigadores e participar activamente na xestión da Química en España”, ademais de remarcar o seu traballo no campo do deseño de nanopartículas con actividade electrocatalítica durante máis de 20 anos, realizando achegas relevantes na síntese de nanopartículas de ouro e prata mediante química coloidal, conseguindo, así mesmo, nanopartículas con respostas ópticas sobresaíntes e importantes logros na diagnose da covid-19.

“Síntome moi honrada por recibir esta distinción da RAGC. Como se recoñece a traxectoria científica, debo e quero compartir o premio con todas as persoas que me acompañaron e apoiaron ao longo da miña traxectoria investigadora, así como tamén coa Universidade de Vigo”, explica Pastoriza, que suma máis de 40 artigos nas revistas científicas internacionais máis prestixiosas no eido da Química, ademais de impulsar a posta en marcha da Rede de Nanomedicina en Galicia.

Medallas para os científicos da USC Jesús López, Ramón Máiz e Jorge Mira

A relación de galardoados este ano pola RAGC completase cos científicos da USC, Jesús López Romalde, Ramón Máiz Suárez e Jorge Mira Pérez, que recibirán as medallas Ángeles Alvariño da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; a medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais e a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, respectivamente.

Salir de la versión móvil