O grupo de bailarinas mosenses “As Meninas” vén de lograr a victoria no Campionato Galego de Danza Coreográfica na categoría Junior Territorial Iniciados, a oito puntos de diferenza do segundo grupo.
O XIX Trofeo de Baile Deportivo Concello de Narón comprendía o Campionato Galego de Danza Coreográfica e Campionato Galego de Modalidade Estandard. Dentro do Club Baila-Mos, que adestra a mosense Patricia Martínez, inclúese o grupo “As Meninas”, formado por Sara Requejo, Ainara Rodríguez, Eva Calvar, Elena Gamallo e Noa Pintos.
“As Meninas”, tras 10 meses sen competir por mor da crise sanitaria da COVID-19, presentáronse ao Campionato Galego en Narón e conseguiron a victoria. “Loxicamente, o esforzo foi inmenso en todos os aspectos, físico, económico e psicolóxico, tanto por parte delas como por parte dos seus pais. Non é fácil manter motivadas e centradas a unhas deportistas adolescentes en época de pandemia”, explica a súa adestradora, Patricia Martínez.
O grupo mosense contaba con que o ano xa se acabara en canto ao que a competición e títulos deportivos se refire, e de feito comezaran xa a preparar a nova coreografía do 2021. Porén “cando saíu a noticia de que se celebraba o Campionato Galego e eu fun a primeira que dixen hai que ir, sí ou sí; pero creo que elas o necesitaban máis que eu, volver sentir a adrenalina, os nervios, ver máis bailaríns... e a verdade é que non puido ir mellor, acabamos o 2020 ao grande”, asegura Martínez.