Así é o "talent show" de Vigo no que podes acabar tocando no Revoltallo

Publicidad

O Revoltallo xa é moito máis que música e actividades para toda a familia. O festival que terá lugar os días 6, 7 e 8 de setembro en Vigo organiza para esta edición un concurso de bandas no que será o propio público quen decida que dúas formacións acaban formando parte do cartel do festival.

O evento invita a todas as bandas emerxentes a participar no concurso. O Revoltallo pretende con esta iniciativa reforzar a súa aposta polos novos talentos musicais, dándolle a oportunidade de subirse a un escenario a defender os seus temas. Esta especie de “talent show” en directo terá lugar o venres 6 e o sábado 7 de setembro.

As interesadas e interesados en participar deben presentar un vídeo orixinal. Poden concursar tanto grupos como solistas que non teñan un contrato en vigor con ningunha discográfica. O certame está aberto tamén a calquer xénero musical, admitindo só temas en formato dixital para a súa reprodución directa.

Os participantes poderán enviar o seu vídeo a través da páxina oficial de Facebook e Instagram do Revoltallo ou por correo electrónico ao enderezo radiovalladares@valladares.tv ata o xoves 8 de agosto ás 23:59 horas. A organización seleccionará ás cinco bandas finalistas que se farán públicas o día 13 de agosto. Será cando comece a segunda fase do concurso, a votación popular. Aquelas dúas formacións que máis reaccións positivas acumulen no seu vídeo ata o 19 de agosto formarán parte da nova edición do Revoltallo, festival de música e cultura emerxente. Cada conxunto seleccionado contará cun premio de 200 euros.

Os concertos, núcleo central do evento que se celebra na parroquia viguesa de Valladares, terán lugar na Carballeira do Pedregal, no Centro Veciñal e Cultural, un entorno privilexiado no que a natureza fusionase co talento nesta primeira fin de semana de setembro. O cartel conta con grupos como The Skarnivals, Liska!, Collón de Lola, Los Jinetes del Trópico, Lisdexia, A polémica banda dos Bechuchos, D’esmorga e Demencia Sonora.

Salir de la versión móvil