Baiona busca ao seu Oscar Wilde cun certame literario no confinamento

Publicidad

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura e do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal, vén de convocar o certame de relato curto “O Enxeño Engaiolado”, unha iniciativa coa que se busca celebrar o Día do Libro 2020 incentivando, dende o confinamento, a creatividade literaria.

A concelleira de Cultura, Miriam Costas, lembra que precisamente en situacións de confinamento xurdiron grandes creacións artísticas. “Cervantes, Oscar Wilde, Unamuno ou Miguel Hernández, escribiron algunhas das súas grandes obras en cárceres ou privados de libertade” e agora, “esta situación de corentena obrigada pola emerxencia sanitaria do COVID19, –engade a concelleira de Cultura– é un bo momento para amosar a nosa capacidade de creación literaria”.

O certame está aberto á participación de todas as persoas maiores de 16 anos que deberán presentar un relato breve cunha extensión comprendida entre 1.500 e 4.000 palabras, escrito a dobre espazo en Arial de 12 puntos.

Os orixinais que deberán ser inéditos, poden estar escritos en galego ou castelán, e deberán ter como tema central ou colateral a biblioteca, o libro ou a lectura.

Os textos enviaranse por correo electrónico ao enderezo biblioteca@baiona.org en formato PDF e asinados cun pseudónimo. Nun correo aparte co mesmo pseudónimo, enviarase outro arquivo cos datos persoais do autor ou autora (nome e apelidos, DNI e teléfono).

O prazo para presentación de traballos, que se abrirá o 24 de abril, permanecerá aberto ata o 24 de xuño do 2020.

O xurado, composto por especialistas no ámbito bibliotecario e literario, concederá tres premios consistentes en cheques-libraría canxeables en librerías de Baiona ata o 31 de decembro de 2020. O primeiro premio consistirá nun vale de 300 €; o segundo premio, 200 € e, finalmente, o terceiro premio, 100 €.

Salir de la versión móvil