Bueu abre o prazo para participar nun Entroido no que repartirá 6.000€ en premios

Publicidad

O Concello de Bueu abre o prazo para participar nos premios de Entroido, cuxa solicitude de inscrición deberase entregar no Rexistro Xeral do Concello antes do 6 de febreiro. Os premios repartirán 6.000 euros entre todas as categorías participantes tanto no Enterriño da Sardiña, que se celebrará o 14 de febreiro ás 17.00 horas, como no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que terá lugar o 18 de febreiro a partir da mesma hora.

Hai que salientar que este ano por primeira vez, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar. Concretamente, destinaranse 350 euros ás comparsas de Bueu que formen parte dos actos programados ao longo de todo o Entroido, 150 euros para as agrupacións de Bueu que participen no desfile do Enterriño da Sardiña e teñan máis de quince compoñentes, e 120 euros para aquelas que participen no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e estean compostas por máis de quince persoas.

A maiores, estableceranse os seguintes premios para os participantes no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro: premios ás comparsas de Bueu (100 euros para o 1º e 50 euros para o 2º), premios ás agrupacións de máis de 15 compoñentes (1º dotado con 250 euros, o 2º con 175 euros, e o 3º con 100 euros), premios ás agrupacións de entre tres e quince compoñentes (100 euros o 1º premio, e 80 euros o 2º), premios ás parellas (100 euros o 1º premio, e 80 euros o 2º), e premios individuais ( 80 euros o 1º e 50 euros o 2º).

As bases tamén especifican que, no caso de mal tempo, a decisión de saír ou non saír os desfiles tomarase por parte da Comisión de Entroido, que está composta por unha representante do Concello e de colectivos do Entroido que asistiron ás reunións do citado órgano.

Concurso de carteis

Seguindo co Entroido, o Concello de Bueu ten aberto ata o 2 de febreiro a participación no Concurso de Carteis do Entroido, no que poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos cun máximo de tres obras orixinais e inéditas, e cuxo gañador/a será a imaxe do Entroido bueués.

As bases, que se poden consultar na web municipal www.concellodebueu.org, establecen un único premio cun importe de 300 €, e para a valoración do xurado teranse en conta criterios como a calidade técnica e artística, o impacto visual, a creatividade e a orixinalidade.

As persoas que desexen participar poden empregar a técnica artística que consideren máis axeitada, tales como a pintura, a ilustración, a fotografía… Os traballos entregaranse ou persoalmente ou por correo postal no Rexistro Xeral do Concello.

O pasado ano, a gañadora foi a pontevedresa Isabel Núñez Montero, quen presentou un deseño con moito dinamismo da imaxe, o humor e sobre todo a composición e a forza visual que expresaba plenamente o espírito do Entroido bueués.

Salir de la versión móvil