Búscanse voluntarios para a recuperación dos montes de Ponteareas

Publicidad

A agrupación de voluntariado medioambiental de Ponteareas, coordinada pola bióloga Rosa Covelo, continúa coa súa colaboración na recuperación do solo afectado polos incendios. Despois de realizar diferentes reunións coas Comunidades de Montes para a avaliación dos danos, a agrupación planificou diferentes accións axeitadas para recuperar cada zona con medidas específicas.

En total, programáronse seis actuacións até o mes de decembro sendo necesarios novos voluntarios para dúas delas. Así, os que queiran participar nos traballos de recuperación do monte, poden facelo o sábado, 2 de decembro, e o sábado, 16 de decembro.

A primeira das actividades, o día 2 pola mañá, terá lugar en San Mateo e os voluntarios traballarán na limpeza do monte e recollida de lixo. No segundo caso, o día 16, buscarase rexenerar o solo con palla para evitar o escorregado das cinzas.

O resto de actividades, para as que xa están cubertas as prazas, con seguro e asesoramento técnico, terán lugar no Castro de Troña ou na Picaraña. Por outra parte, a Casa da Cultura de Bugarín acollerá o día 9 de decembro unha charla sobre voluntariado medioambiental que arrancará ás 18:00 horas.

Os interesados en participar nalgunha destas actividades poden atopar máis información no mail voluntariado@ponteareas.gal ou no teléfono 687 764 516.

Salir de la versión móvil