O Concello de Redondela pecha este venres o ciclo de charlas “énchete de vida” que acolle sesión gratuítas para informar sobre nutrición, mitos alimentarios, saúde e menús saudables.
O ciclo, que arrancou o xoves no Multiusos da Xunqueira baixo o título de “Verdade? Ou mitos da alimentación” continuará hoxe coa segunda e derradeira conferencia que baixo o lema de “na túa mesa… menús saudables” tentará poñer de relevancia a importancia de pratos beneficiosos para a saúde na nosa dieta.
O evento, que se celebrará no Multiusos do Piñeiral do Crego, en Chapela, a partir das 20:00 horas estará dirixido pola dietista Lola Poza. Trátase dunha charla interactiva onde as persoas presentes poderán consultar dúbidas á poñente. O obxectivo, segundo explican dende o Concello, “é motivar aos asistentes a facer un cambio de hábitos que mellore a súa calidade de vida, dar a coñecer bos hábitos na alimentación, sensibilizar, concienciar e mellorar o coñecemento sobre nutrición e saúde”.
Preguntas como “hai alimentos bos e malos?”, “hai que comer de todo?”, “os ovos suben o colesterol?”, “débese comer 5 veces o día?”, “as graxas engordan?”, “o almorzo é a comida máis importante do día?”, “os froitos secos sen sal non engordan?” quedarán resoltas para todos os asistentes.