A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño abre o prazo de inscrición para participar no curso máis doce de toda a programación anual: un obradoiro de ‘Chupipostres: cupcakes e galletas de mantequilla’. O curso, dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos, celebrarase do 9 ao 30 de abril nas instalacións do Mercado Municipal e as clases se impartirán todos os luns de 20.00 a 22.00 horas.
A través deste curso, todas e todos os participantes aprenderán todo o relacionado co mundo dos cupcakes e da repostería creativa con decoracións inspiradas na época do ano e partindo desde cero, o que abre as portas a todas aquelas persoas que se acheguen por primeira vez a este tipo de postres.
Dun xeito divertido, o alumnado aprenderá que é un cupcake e como se elabora, ademais de recibir consellos e trucos para cociñalos. Tamén descubrirán como elaborar frosting e achegaranse á decoración con pasta de azucre ou fondant e á elaboración de figuras en formatos 2D e 3D. Outro apartado do obradoiro será a creación de galletas de manteiga, coa correspondente decoración; o uso da manga pasteleira e a conservación de produtos.
O curso custará 18 euros e se necesitará un mínimo de 15 persoas para impartilo. Pode facerse a inscrición en http://tomino.gal/curso-chupipostres-2018/.