Os robots volverán 'invadir' a Universidade de Vigo o 4 de maio

Publicidad

Wall-E e R2D2 son dous dos droides máis coñecidos e queridos da ficción cinematográfica e dan nome ás dúas categorías da Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial, que este curso chega á súa cuarta edición. O concurso, destinado a estudantes tanto do ensino secundario como superior, pretende que as e os participantes deseñen e constrúan os seus propios robots que, o día 4 de maio, medirán as súas forzas no campus.

https://www.youtube.com/watch?v=Al8d0A2sWfc

“É unha boa oportunidade para que tanto rapaces como rapazas poñan toda a súa ilusión e creatividade” para construír os robots e que estes poidan superar as probas deseñadas pola organización, explica Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial. Pero esta é tamén unha cita na que as e os participantes dos institutos “poden sentir por un día como se vive a vida universitaria”. En conxunto, asegura o docente, o ambiente no desenvolvemento das probas “é unha experiencia que axuda a achegar a Universidade aos futuros e futuras estudantes”. Este é un dos obxetivos fundamentais deste evento, ademais “fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEAM (Science, Technology, Engineering, Art and Mathematics)”, lembra Pardo e de potenciar o traballo por proxecto e a autoaprendizaxe no deseño, construción e programación dos robots autónomos.

A competición realizarase por equipos, que deberán deseñar, construír e poñer en funcionamento cadanseu robot a partir dun kit básico que lles entregará a organización. O 4 de maio será o día no que os equipos porán a proba os seus robots, que deberá superar unha serie de probas de destreza. Os alumnos e alumnas de ensino secundario que desexen vivir esta experiencia e desenvolver as súas capacidades tecnolóxicas deberán facelo na categoría Wall-E, mentres que o estudantado de titulacións superiores pode inscribirse na modalidade R2D2. A data límite para formalizar a matrícula é o vindeiro luns 29 de xaneiro.


Pódete interesar: Como se pode facer un R2D2 con materiais de reciclaxe?


Como foi a pasada edición da Competición de Robots?

Neste 2018 a competición de robots da EEI acada xa a súa cuarta edición, consolidándose xa como unha cita de referencia que cada ano reúne centos de estudantes de toda Galicia. En 2017 superáronse os 800 inscritos e as expectativas desta nova convocatoria pasan por manter o mesmo grao de participación. Porén, Juan Pardo explica que “o obxectivo non é en si mesmo unha cuestión de cantidade, senón que o concurso responda ás expectativas dos centros, temos que ter en conta que as instalacións e a loxística non son ilimitadas, os números nos que estamos a movernos xa dan algo de respecto”.

Botando a vista atrás, o director da EEI recoñece que “cando pensamos nesta iniciativa por primeira vez non podíamos imaxinar que seríamos quen de acadar tanto interese por parte dos centros”. O docente remarca tamén a relevancia deste tipo de actividades para fomentar vocacións no eido da tecnoloxía e “facer máis escola, é unha xornada que ilusiona vendo o potencial que teñen os rapaces e rapazas que participan, pero tamén é moi reconfortante ver como todo o persoal da escola e as agrupacións de estudantes que nos axudan como IEEE (Intitute of Electrical and Electronics Engineers) e ISA (International Society of Automation) séntense totalmente implicados neste acontecemento”.

https://www.youtube.com/watch?v=Qj3IIWM-c_0

Categoría Wall-E

O obxectivo desta categoría, pensada para estudantes de ESO e Bacharelato, é que as e os participantes se familiaricen co mundo da robótica, participando na montaxe e programación dun robot móbil partindo do kit mBot Robot Educativo (2.4G), facilmente programable con Scratch e compatible coa plataforma opensource Arduino. A competición realizarase en equipos de entre tres e seis estudantes e un profesor titor que deberán someter o seu autómata a dúas probas: completar no menor tempo posible un circuíto con obstáculos e unha especie de combate ente droides que deben sacar do campo de xogo aos seus opoñentes.

Categoría R2D2

O estudantado de Formación Profesional e de titulacións universitarias competirá en grupos de menos de seis persoas ou ben individualmente na modalidade R2D2, que comprende catro probas, tres individuais e unha colectiva. Neste caso cada equipo debe crear un robot cun tamaño máximo de 20 cm de lado e un peso máximo 1500 gramos. Na proba de rastrexo os robots deben completar unha volta completa de non máis de catro metros, pero si con cambios bruscos de dirección, nun máximo de 60 segundos. Precisamente, nun tempo inferior a un minuto, os robots deberán superar o seguinte exame de clasificación, un labirinto rectangular de 2x2 metros. Na terceira proba deberán retirar seis latas dun recinto de aproximadamente 1m de diámetro, e o derradeiro test será tamén un combate entre droides, como na modalidade Walll-E.

Salir de la versión móvil