En Redondela ponse en marcha o obradoiro #TikTokConSentidiño, que ten como obxectivo de ofrecer un espazo onde as mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e 17 anos poidan descubrir o seu talento creativo e, ao mesmo tempo, mellorar a súa autoestima, capacidade de expresar emocións e relacionarse co seu entorno. Os participantes, empregarán Tik Tok, unha das redes sociais que nestes momento experimenta maior crecemento, con fins educativos e saudables.
O obradoiro, propón que, partindo dunha idea ou un tema polémico para a súa idade, as e os participantes elaboren un vídeo curso coa ferramenta TikTok, podendo optar a premios en función da calidade, contido, orixinalidade e creatividade de cada vídeo. Segundo apuntan diversos estudos, ao realizar este tipo de actividades, "axúdase ao cerebro da mocidade a desenvolver a creatividade, pensar sen límites e expresarse tal e como son".
Logo dunha introdución sobre "Que é TikTok", en termos familiares para os participantes, (followers, tendencias, etc.) o obradoiro buscará a participación das mozas e mozos de xeito que se sintan preparados para participar de xeito individual e en equipo nas actividades propostas. Xa no que fai referencia ao apartado da creatividade, no obradoiro daranse a coñecer as bases do concurso e das regras do xogo. Utilizando a rede social TikTok e un hastag creado con antelación exclusivamente para o obradoiro – #TIKTOKCONSENTIDIÑO – crearanse equipos para realizar videos construtivos, creativos e divertidos escollendo un formato de gravación común para todos os participantes, estableceranse as normas e darase renda solta á creatividades de cada grupo.
Ao longo da actividades, as mozas e mozos aprenderán trucos de composición, de cor, aprenderán a crear planos interesantes e a xogar cos modos de gravación do teléfono, a música, etc. Para outorgar os diferentes premios valorarase de cada traballo a mensaxe/contido baseado nalgún valor, creatividade, orixinalidade na forma de conectar e transmitir a mensaxe, traballo en equipo e cumprimento das normas e tempos.
A iniciativa, posta en marcha pola Concellería de Xuventude que xestiona Olga García Ballesteros, está dirixida a mozos e mozas dende os 12 ata os 17 anos e se desenvolverá este venres 18 de marzo na Casa da Cultura de Redondela entre as 16:30 e as 19:00 horas. A alcaldesa Digna Rivas subliña a importancia dunha actividade na que "mozas e mozos vivirán a experiencia de crear contido positivo, baseado en valores e, ao mesmo tempo, realizando unha actividade divertida".