Javier Cebreiros abriu a Semana da Educación de Tomiño coas súas "verdades idiotas"

Publicidad

Éxito rotundo de participación na Semana da Educación de Tomiño, que abriu este luns as portas da súa terceira edición cunha cheo absoluto de público no auditorio de Goián e co comunicador vigués Javier Cebreiros enriba do escenario. Socio do espazo de innovación social ‘Impact Hub Vigo’ e da empresa InfoJC, Cebreiros quixo explicar a os participantes na xornada as súas “verdades idiotas”, que son aquelas obviedades que todo o mundo coñece pero que “hai que aplicar de verdade” para cambiar a perspectivas: “cando estou mellor, traballo mellor; cando o meu xefe está mellor, traballa mellor; e podo mellorar”.

Blogueiro e autor de dous libros (‘Ser feliz no implica ser idiota’ e ‘Olvida tu lenguaje corporal’), para Cebreiros “calquera gran mal ten ao final como base da súa solución a educación” e é importante que a sociedade “reflexione sobre a nosa responsabilidade individual” tamén neste campo. Así, con exemplos e a interacción continua co público, Cebreiros foi facendo reflexionar aos participantes sobre a importancia das expectativas educativas do profesorado e a súa influencia nos resultados académicos do alumnado, así como na importancia da actitude positiva á hora de educar aos nenos e nenas para construír mellores persoas e mellores estudantes. “A nosa responsabilidade pode inclinar a balanza”, salientou.

“Dentro de 10 anos que neno vai ser máis feliz? O A, ao que se lle preguntarán todos os días tres cousas boas de forma incondicional, ou o B, ao que non se lle din nin se lle preguntan as cousas boas? O A, sen ningunha dúbida. É entón cando volvemos ás verdades idiotas... por que non o facemos?”, explicou durante a súa conferencia.

Este martes, conferencia de Alba Alonso

O grande éxito de participación e de público na terceira edición da Semana da Educación de Tomiño fai que o goberno municipal xa estea a pensar na cuarta edición. Trátase dunha aposta pola educación na que estas xornadas xurdiron “como un foro onde falar de educación máis alá da escola e tendo en conta a responsabilidade de ser unha sociedade que está a educar continuamente”, asegurou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, na xornada inaugural. “Dende o goberno municipal lle damos moita importancia á educación e esta semana é a guinda a todo o que o concello de Tomiño fai en materia de educación. Por iso cada ano traemos aos mellores”, destacou.

A Semana da Educación continúa este martes 20 de febreiro (19:00 horas) coa conferencia ‘O bullying de xénero, ou cando o mundo rosa/azul tórnase negro’, de Alba Alonso Feijóo. A cofundadora de RealKiddys, proxecto para promover a igualdade de xénero entre a infancia dende a transversalidade, invitará ao público a reflexionar sobre o estado actual do acoso nas aulas e nos fogares. Durante a súa charla ofrecerá aos participantes posibles e varias ferramentas para actuar contra os diferentes tipos de acoso escolar.

Salir de la versión móvil