Lóxica e memorización como “combustible” da mente en Salceda

Publicidad

A Concellaría de Benestar Social do Concello de Salceda de Caselas, dirixida por Teresa Pérez, vén de anunciar a posta en marcha dunha nova edición do programa “Cultiva a mente”, un proxecto que engloba a prevención da demencia e a promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional.

O programa de actividades, destinado a persoas maiores de 55 anos sen deterioro cognitivo, explorará as preocupacións e necesidades de cada individuo de xeito personalizado para proporcionarlle hábitos saudables no plano cognitivo.

“Cultiva a túa mente” facilitará a organización de actividades de memorización, así como tarefas nas que se estimule a lóxica, a planificación, a organización e a toma de decisión, tanto individual como grupal. Realizaranse tamén exercicios para mellorar a orientación temporal, espacial e persoal, ensinándolles ás persoas maiores a empregar axudas externas para orientarse.

As actividades levaranse a cabo os martes a partires das 11:00 horas no centro Social da Devesa, e correrá a cargo de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia). As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello, lembrándose que as prazas son limitadas e que se asignarán por orde de inscrición.

Tamén en Ponteareas

No concello de Ponteareas o programa Activa-Mente celebrarase todos os luns e mércores da man dos profesioanis de AFAGA para atender aos enfermos de Alzheimer e traballar de xeito personalizado coa realización de distintos exercicios que tentar por freo a esta doenza.

Grazas a esta colaboración, realízase unha dobre atención. Por unha banda, desenvólvense talleres de estimulación cognitiva e motriz, dirixidos ás persoas que sofren unha demencia ou manifestan problemas de memoria. E, doutra banda, AFAGA ofrece atención psicolóxica a familiares, asesoramento social, legal, cursos de formación e distintas terapias que axuden aos pacientes e ao seu entorno a convivir coa enfermidade e ralentizar o avance.

Todos os interesados e interesadas en Ponteareas deberán chamar ao número de teléfono 986 22 97 97 ou nos Servizos Sociais do Concello de Ponteareas na rúa Oriente.

Salir de la versión móvil