Literatura e igualdade fusiónanse en Moaña. A vila galega de moda grazas ao éxito do último libro de Domingo Villar, “O último barco”, convértese na organizadora xunto á Lonxa Literaria da primeira edición do Certame de Relato Curto en Igualdade. O evento permite a participación de todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade, sempre que os relatos teñan unha temática relacionada coa igualdade de oportunidades ou con calquera temática que poña o acento na visibilización da discapacidade.
Os relatos deberán ter unha extensión máxima de 3.000 caracteres con espazos. Terán que ser realizados obrigatoriamente en lingua galega e deberán presentarse en formato DIN A4. Os organizadores establecen unha única categoría cun premio que está dotado en 300 euros.
As persoas que participen poderán presentar até un máximo de tres relatos. Os orixinais enviaranse por correo electrónico ao mail igualdade@concellodemoana.org no que terán que engadir dous documentos en formato PDF, o primeiro co nome do título ou lema conterá o relato presentado encabezado polo título ou lema escollido mentres que o segundo será un documento que conteña un listado co título ou lema do relato, nome e apelidos, DNI, enderezo, enderezo electrónico, teléfono e declaración xurada de aceptación das bases do certame e de que a obra presentada a concurso é orixinal e inédita. O correo electrónico levará como asunto “I Certame de Relato Curto en igualdade Lonxa Literaria – Concello de Moaña”.
O prazo de entrega dos relatos será ata o 30 de novembro. O gañador do certame o decidirá un xurado que estará integrado por dúas persoas relacionadas co mundo da literatura e unha persoa designada pola Lonxa Literaria. Tanto o Concello de Moaña como Lonxa Literaria resérvanse a posibilidade de editar o texto gañador