O Concello de Moaña organiza un obradoiro audiovisual coa creación dunha curtametraxe coa colaboración de profesionais do audiovisual galego entre os que se atopará unha das protagonistas de "El desorden que dejas" (Netflix). Unha oportunidade única e de balde para mocidade, entre 16 e 30 anos, para aprender todo o que está diante e detrás das cámaras.
A actividade preséntase como un espazo de creatividade conxunta para un grupo diverso de mozos no cal achegarse ao audiovisual de forma práctica, nun obradoiro de 25 horas impartido por Cristela Torres e con diversos profesionais convidados do audiovisual.
Esta iniciativa lúdico-formativa está dirixida á xuventude interesada en interpretación, guión, dirección, postprodución ou calquera outra área en torno ao audiovisual con idades comprendidas entre 16 e 30 anos preferentemente. Realizaranse os días 16, 18, 22, 24 e 26 de agosto na Casa da Mocidade de Moaña. As prazas son limitadas e a inscrición é gratuita escribindo ao WhatsApp da Casa da Mocidade (649 68 39 23).
Dentro deste obradoiro a participación de persoas relacionadas co audiovisual é moi importante xa que aportarán a súa experiencia e coñecementos en diversas especialidades para contribuir á realización da curtametraxe cos participantes e contarase entre outras coa actriz Isabel Garrido (“El desorden que dejas”, Netflix), a directora Belén Puime (“Pringadas”, mellor proxecto de webserie no Festival Carballo Interplay 2021) e Iago Gordillo (creador de Recuncho Gamer, premio Youtubeiras 2021).