Moaña explicará como facer fronte ao “perigo” da vespa velutina este venres

Campaña Stop Vespa Velutina // AGA

Publicidad

O Concello de Moaña celebrará este venres, 2 de febreiro, a charla “Vespa velutina: o perigo á porta da casa” na que se explicarán as características deste insecto invasor, a súa problemática e como facerlle fronte.

A charla, que arrancará ás 20:00 horas no salón de plenos do concello, contará cun obradoiro no que se dará conta de como construír trampas caseiras para atrapar ás raíñas de velutina, coñecida como vespa asiática. Por isto, os asistentes deberán levar botellas de plástico de medio litro para poder elaborar a súa.

O acto está organizado polo Concello de Moaña, o Ateneo de Moaña e a Asociación Galega de Apicultura (AGA) e contará coa presenza de José María Bello, delegado de AGA no Morrazo, e Tonio Nogueira, biólogo membro do Ateneo de Moaña.


Pode interesarche: É posible evitar un ataque de vespa velutina e como reaccionar se se produce?

Ejemplar de vespa velutina // Danel Solabarrieta

Dende a Asociación Galega de Apicultura denuncian que aínda que estes insectos non son máis agresivos que os autóctonos si é verdade que ante a falta dunha política decidida de control cada día é mais habitual toparse con niños non soamente nas árbores, senón tamén no chan e aloxados en muros entre as silvas.

Dende a asociación inciden na importancia de “trampear, facer política de concienciación e de prevención” para evitar a masiva expansión destas avespas invasoras que acaban coas autóctonas e poñen en perigo o proceso de polinización.

Como recoñecer unha vespa asiática?

As vespas asiáticas ou velutinas son moi grandes, duns tres centímetros, pero esta non é a súa característica diferencial máis importante xa que as autóctonas “vespas crabo” tamén teñen un tamaño semellante. Por iso, a gran diferenza dáse nas cores do seu corpo. O tórax é moi escuro, case que negro, namentres que a punta das patas é totalmente amarela.

Salir de la versión móvil