A veciñanza de Mos e Ponteareas está chamada este sábado a reunirse en cadanseu municipio co gallo de coñecer as características e comportamento da vespa velutina, coñecida como vespa asiática pola súa orixe.
En Ponteareas, os apicultores e a cidadanía en xeral están chamados a reunirse ás 16:30 horas no multiusos do auditorio. Da man dun técnico da Asociación Galega de Apicultura darase conta de como frear esta praga invasora xa que este é o momento propicio para capturar as vespas raíñas fundadoras.
Para lograr este obxectivo de redución de niños de vespa velutina, o Concello comezará a entrega de trampas para a captura de raíñas ao remate da reunión. Estas serán entregadas aos apicultores e veciños que voluntariamente se comprometan a participar. Todas as trampas estarán identificadas co logo do Concello de Ponteareas e serán numeradas para a súa identificación e control posterior de resultados. As persoas que voluntariamente se presten a colaborar co Concello nesta tarefa recibirán as indicacións necesarias e cada 15 días, durante os vindeiros tres meses, renovarán o líquido das trampas e controlaranse as raíñas capturadas.
Pola súa parte, no caso de Mos, a reunión informativa celebrarase na Axencia de Colocación municipal (Avenida de Peinador, 39), a partires das 18:00 horas. Alí, técnicos de AGA explicarán “o que compre saber sobre a vida e comportamento da velutina” e demostrarase como se elaboran as trampas capturadoras de raíñas.
Pode interesarche: É posible evitar un ataque de vespa velutina e como actuar se sucede?