O Cinbio deseña un programa de divulgación científica para maiores de 65 anos

Publicidad

O Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, está xa inmerso no deseño dunha nova edición de Ciencia con C de Cinbio, un programa que busca abrir as portas do centro á sociedade e dar a coñecer o traballo que realizan os diferentes grupos de investigación que o conforman. Nesta segunda edición do programa incluiranse actividades na rúa, xornadas de portas abertas e tamén, dun xeito específico, actividades para os maiores de 65 de anos.

Esta última proposta bautizada como Autocoidado a conciencia, comprende dous talleres que terán lugar os días 3 e 4 de outubro, impartidos por El Telefonillo, un proxecto social dirixido a persoas sénior, así como unha visita guiada ao Cinbio que se desenvolverá o 7 de outubro. A través destas tres citas tratarase de recalcar a importancia do autocoidado e a saúde nos maiores, amosando como algúns dos campos de investigación do Cinbio teñen aplicación na vida diaria das persoas. As e os participantes poderán realizar diversos experimentos sinxelos con alimentos, xabóns ou cosméticos, achegándose así, a través do traballo práctico, ás diferentes liñas de investigación que se levan a cabo no Cinbio centradas no eido da saúde.

Ademais, con este tipo de propostas, tamén se pretende poñer ás persoas maiores no centro e convertelas nos verdadeiros protagonistas das actividades, fomentando a escoita, o debate e as relacións interxeracionais e poñendo el valor entre a cidadanía o traballo que desenvolve o persoal científico.

Estas accións están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través de fondos FEDER.

Salir de la versión móvil