O comercio do Morrazo xa ten as súas “estrelas do Nadal”. A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo vén de realizar o sorteo do seu concurso da campaña de Nadal que repartiu máis de 15.000 euros en premios.
A diferencia das pasadas edicións, Fecimo retomou nesta campaña a emoción dun sorteo final de grandes premios de 500 euros a maiores de ter repartido preto dun centenar de premios de 30, 50, 75, 100, 150, 200 e agasallos como xamóns. Con esta estratexia, a Federación explica que procurou “combinar o éxito das pasadas edicións da entrega dun elevado número de premios, co fin de repartir ledicia ao maior número de xente posible, coa ilusión dun sorteo final de grandes premios”.
Os premios entregados materialízanse en tarxetas regalos para canxear nas empresas participantes na Campaña de Nadal, no prazo dun mes, ata o 7 de febreiro. Poderán gastalo todo nunha empresa ou repartilo entre varios comercios. Tal como se explicaba nas bases da campaña, os premios outorgábanse ao azar entre todas as participacións rexistradas na web Comercio do Morrazo.
Os gañadores dos oito premios de maior contía, de 500 euros cada un, competían dentro do gran “bombo virtual” que nesta edición acumulou preto de 80.000 participacións.
Esta entrega de premios pon fin á campaña que este ano e, por segunda vez, levou por nome “Ti es a nosa estrela do Nadal”. Contou tamén coa participación por primeira vez da localidade de Marín.
GAÑADORES DOS PREMIOS DE 500€