O pasado 22 de setembro, o Parlamento de Galicia aprobaba, por unanimidade, a inclusión no proceso de prematrícula do Bacharelato de Artes de Redondela, proceso que estaría en todo caso suxeito á demanda que tivesen estes estudos. Case que catro meses despois e a pouco máis dun mes de que se abra o período de admisión –1 de marzo–, o Concello de Redondela denuncia que a Xunta segue “non só sin sinalar que mecanismos pensa utilizar para cuantificar a demanda, senón que nin ten a dar resposta ás preguntas que en tal sentido formuláronlle as ANPAS e o propio Concello”, explica a alcaldesa Digna Rivas. É de supoñer que para cumprir o acordo plenario do Parlamento e coñecer a demanda que estes estudos teñen entre o alumnado “é preciso facer algún tipo de proceso que permita saber con certeza o interese do alumnado nestes estudos”.
Para o Goberno redondelán, o feito de que a pouco máis dun mes vista da apertura da prematrícula, “nin se teña habilitado ningún procedemento nin se dea resposta ás preguntas formuladas pola comunidade educativa, fai sospeitar que se trata doutra cortina de fume por parte da Consellería de Educación, co agravante de estar vulnerando o cumprimento dun acordo Plenario”.
O Concello de Redondela, facéndose eco da preocupación das ANPAS, remitiu o pasado 13 de xaneiro un escrito á Xefatura Territorial de Educación para que “a maior brevidade posible” aclarase como era posible que logo de ser aprobada a preinscrición no Parlamento de Galicia “organismo no que reside a soberanía das e dos cidadáns” a inspección de Educación, ante as preguntas formuladas polas direccións dos centros educativos, repostase que “dende a Consellería non se lle trasladou ningunha variación para o vindeiro curso académico”.
Comparte o Concello coas ANPAS o criterio lóxico que “a cuantificación da demanda do Bacharelato de Artes ten que ser previa ao período de admisión e non esperar a que o alumnado quede sen posibilidade algunha de realizar estes estudos pola desidia e desleixo da Consellería”.
O Concello lembra que a existencia ou non destes estudos “afecta non só ao alumnado de Redondela, senón tamén ao veciño concello de Pazos de Borbén, cuxos rapaces e rapazas cursan os estudos de bacharelato neste municipio”. A alcaldesa Digna Rivas destacou a intención de que Concello e ANPAS traballen en conxunto para conseguir que sexan atendidas as demandas do alumnado. “É lamentable que a un rapaz ou rapaza que quere cursar o Bacharelato de Artes se lle diga que só pode facelo en Mos –curiosamente coa metade de poboación que Redondela–, Pontevedra ou Vigo”.
O Bacharelato de Artes da acceso a estudos universitarios de Belas Artes, Deseño, Restauración, Artes escénicas, Humanidades ou Publicidade, ademais de ciclos superiores relacionados do Deseño Gráfico ou sector audiovisual.