A edición 2023 do Concurso de Fotografía Científica será unha das máis especiais dende que naceu este certame, xa que se celebra o seu 20 aniversario, 20 anos á procura da mellor instantánea que reflicta os aspectos máis espectaculares, descoñecidos ou curiosos da ciencia. O concurso está organizado pola Facultade de Bioloxía no marco da celebración do seu patrón, San Alberte, e nel poden participar todos os membros da comunidade universitaria, con independencia do campo, centro ou función que desenvolvan.
Para conmemorar este vixésimo aniversario do certame, a Comisión de Actividades Culturais da facultade, encargada de deseñar o programa de eventos da celebración de San Alberte, decidiu organizar unha exposición conmemorativa con fotos gañadoras de algunhas das anteriores edicións, paralela á mostra que recolle as obras presentadas en cada edición.
Máis de 1.500 fotografías en 20 anos
Ao longo de todas estas edicións rexistráronse unha media de 30 participantes e 80 fotos presentadas cada ano. De xeito global foron máis de 500 persoas as que concorreron a esta certame dende a súa posta en marcha e máis de 1.500 as imaxes enviadas. Dende a Comisión de Actividades Culturais da facultade agardan que “esta edición teña un éxito similar ao do ano pasado, con 54 participantes e 151 obras presentadas”.
Ademais, nestes 20 anos dende o centro foron testemuñas da evolución dos traballos presentados, unha evolución parella ao proceso de dixitalización e a unha sociedade cada vez máis visual na que cada teléfono se ten convertido nunha cámara fotos de altas prestacións. Con todo, explican dende a Comisión de Actividades Culturais que máis aló do tipo de aparello usado, sexa cámara máis ou menos profesional ou teléfono móbil, “un aspecto relevante a ter en conta é a impresión final das obras, onde o tamaño da fotografía e a calidade da impresión e do papel usado (impresión profesional vs impresora caseira), pode condicionar o criterio do xurado”.
Como participar nesta nova edición
Cada persoa que desexe participar nesta nova edición poderá presentar ata un máximo de tres obras, que deben ser inéditas e poden ser tanto en branco e negro como a cor, e realizadas con calquera técnica. O tamaño mínimo das fotografías será de 10 x 15 cm e o máximo de 20 x 30 cm. As obras deberán ir montadas sobre cartolina, cun marco de polo menos 2 cm onde figurará o título da obra. Cada participante entregará dous sobres cerrados: un deles, marcado externamente coa palabra “obra”, conterá as obras identificadas cun pseudónimo; no outro sobre, indicarase externamente o “pseudónimo elixido”, e incluirá o nome do autor, teléfono e correo electrónico. O prazo de admisión de fotografías comezará o 6 de novembro e rematará o 10 de novembro ás 20.00 horas e as obras depositaranse na Biblioteca do Edificio de Ciencias Experimentais.
Máis premios
Este ano, e coincidindo coa celebración do vinte aniversario, a organización decidiu realizar unha redistribución do orzamento dedica aos premios, de modo que se pasará de catro a cinco distincións, “tendo en conta que o máis importante é participar e "facer facultade". Deste xeito, outorgarase un primeiro premio de 250 euros, un segundo de 150 euros, dous terceiros de 100 euros cada un e un accésit de 50 euros. O xurado estará composto por dous representantes do PDI, un representante do PAS e dous representantes dos alumnos/as.
A entrega de premios terá lugar o día 16 de novembro no acto de celebración de San Alberte a partir das 13:30 horas no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais e realizarase unha exposición das obras no mesmo centro a partir desa mesma data.