A espectacular Magnolia Soulangeana de San Miguel de Tabagón xa forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.
Este recoñecemento servirá para poñer en valor diferentes aspectos desta árbore, como a súa dendrometría, xa que o magnolio de San Miguel de Tabagón é o máis grande de Galicia e un dos máis grandes de toda Europa ao contar cun tronco de 3,13 metros de diámetros e 30 metros de copa. Outra das características que chama a atención deste exemplar é a súa vitalidade, sobre todo na súa floración e tamaño, moi superior ao que se recolle na bibliografía.
Cunha idade estimada de 200 anos o magnolio de San Miguel de Tabagón é un exemplar tan coñecido como admirado, que serviu de inspiración a artistas, entre os que figura o pintor Xavier Pousa, e foi obxecto de varias reportaxes.
O magnolio de San Miguel é a última incorporación a un catálogo do que xa forman parte, dende abril, o conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís celebra a noticia pois “o noso Concello é terra de árbores senlleiras e con este recoñecemento seguimos ampliando e preservando o noso patrimonio natural”. Ademais, a rexedora quere agradecer aos propietarios “a súa colaboración imprescindible para conseguir que a Magnolia Soulangeana se convertise en árbore senlleira, o que garante a súa conservación e coidado”.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural fixo efectiva a incorporación da Magnolia Soulangeana de San Miguel de Tabagón ao Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia na Resolución do 30 de xuño de 2022 no Diario Oficial de Galicia (DOG). Formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia supón unha garantía de protección e conservación do exemplar, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou á súa aparencia.