A Mancomunidade de Concellos do Morrazo, na que participan Moaña, Cangas e Bueu, vén de poñer en marcha xunto a Fecimo, Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, a Estratexia de Reactivación Económica que comezará coa busca da dixitalización de empresas e autónomos da comarca.
O Concello moañés acolleu esta mañá a presentación dun plan que se centrará nun programa de formación que permita aos comerciantes mellorar a súa presenza online. “A dixitalización está aí e é fundamental dar unha resposta e a formación é o primeiro paso”, apuntou a rexedora de Moaña, Leticia Santos.
En total, desenvolveranse dez cursos online encamiñados a “desenvolver habilidades que, dependendo do grao de cada participante, permitan ter ventas de contacto cero”, segundo explicou o xerente de Fecimo, Rodrigo Pastoriza, quen recoñeceu que “a pandemia ensinounos que non estábamos preparados”.
Os cursos estarán dirixidos por Javier Rocamora, consultor e formador especialista en marketing online, xestión de redes e comercio electrónico e se desenvolverán entre o 13 de outubro e o 15 de decembro.
Cada “clase” virtual terá unha duración de dúas horas e abordará temas como a posta en marcha de tendas online, o uso de WhatsApp Business ou o modo de funcionamento das diferentes plataformas online de pagamento. Cada curso emitirase a través da plataforma de El Siete Formación e amais de seguirse en directo tamén se poderá consultar en diferido. Haberá titorías personalizadas e seguimento individualizado para cada participante. “Solicitamos que participen destas accións xa que é imprescindible mellorar a capacidade dixital das empresas”, solicitou a rexedora de Moaña e lembrou que este tipo de venda permite que aqueles que teñen menos tempo para mercar poidan facelo online no comercio local, pero tamén permite ás empresas incrementar notablemente o seu público obxectivo. O único requisito para participar é que a empresa sexa dalgún dos tres concellos do Morrazo.
A presentación destes cursos da Mancomunidade e Fecimo contou, ademais de coa presenza do xerente de Fecimo, Rodrigo Pastoriza, e da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, coas concelleiras de Promoción Económica de Cangas e Bueu, Sagrario Martínez e Silvia Carballo, respectivamente.