O Nadal máis solidario de Chapela rifará unha gran cesta na que participarán 91 locais

Pese a ser un dos sectores máis maltratados pola crise derivada da pandemia da Covid-19, o comercio de Chapela vén de dar un paso ao fronte para axudar ás familias que peor o están pasando na parroquia. Un total de 91 establecementos, de todos os sectores, sumáronse sen dubidalo a unha iniciativa solidaria que permitirá que o Nadal chegue a todos e todas.

Cada establecemento puxo o seu gran de area para facer unha enorme cesta de Nadal – exposta en  Mar Confort de Chapela – que veciñas e veciños terán a oportunidade de gañar a través da compra de rifas ao prezo case que simbólico de 50 céntimos. A recadación que se consiga coa venda destas rifas irá destinada, na súa integridade, a unha asociación sen ánimo de lucro local que distribuirá ese diñeiro en forma en vales compra para alimentos nun supermercado. A cesta solidaria a gañará a persoa que teña unha rifa co número que coincida coas catro últimas cifras do 1º premio do Sorteo de Nadal do 22 de decembro da Lotería Nacional.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, visitou aos comerciantes de Chapela para agradecerlles o que cualificou de "extraordinaria mostra de solidariedade", salientou a importancia dunha iniciativa que "axudará as veciñas e veciños máis necesitados e que permitirá que o Nadal tamén chegue as súas casas". Tivo palabras de agradecemento para Yoli, Andrea, Isa, Yolanda e Esther "empresarias, todas elas, que foron quen de poñer en marcha unha iniciativa que fala moito da súa forma de ser e da súa calidade humana".

Ademáis, fixo fincapé no "exemplo" que da esta iniciativa "que parte dun dos sectores, xunto coa hostalaría, máis duramente golpeados pola crise derivada da pandemia da Covid-19, que tiveron que pechar as portas dos seus establecementos, que precisaron de reinventarse para sobrevivir e agora, lembrándose deses momentos, tenden a man ás familias que máis o necesitan". "Chapela ten un comercio para estar orgullosos e orgullosas", concluíu Digna Rivas.

Salir de la versión móvil