José Nicanor Alonso, profesor de Matemáticas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, é o novo gañador do Premio Suabia de Novela Corta de Humor, un galardón convocado por esta editorial burgalesa en colaboración co Concello de Burgos. Fíxoo coa obra Apto cum laude, unha particular crítica ao mundo universitario, escrita baixo a óptica do humor e na que o xurado valorou especialmente a “calidade da súa narrativa, presentando un relato que, tomando prestados algúns elementos da novela policíaca, logra esculpir páxinas que destilan un humor baseado nos ambientes laborais e académicos dos personaxes, transmitido posteriormente ao lector a través da frescura e viveza dos seus diálogos”.
O título da novela, Apto cum laude, fai referencia á máxima cualificación que pode recibir un estudante na súa tese de doutoramento, e é que o argumento xira precisamente arredor da historia dun rapaz que está a piques de presentar a súa tese. “E unha crítica a toda esa fauna que vivimos no mundo universitario, desde os docentes ata o alumnado”, explica o autor, ao que engade que a historia arranca a véspera da presentación da tese, cando o mozo comete o erro de beber demasiado e acaba tendo problemas detido pola policía, polo que, finalmente, terá que ir a diante do xuíz e non sabe se poderá ou non chegar a presentar a investigación. “Ese é o arranque, a partir de aí xorden toda unha serie de personaxes e as nosas reaccións de como actuamos dende o ámbito universitario a esas situacións”, explica o autor, ao que engade que “na novela estamos todos e, ao tempo, non está ninguén”, en referencia a que se inspirou en diferentes membros da comunidade universitaria, pero que ninguén é real.
Primeira novela en español
Esta é a primeira novela que Alonso escribe en español e tamén a primeira que ten unha temática humorística, pero non se trata da súa primeira obra como escritor. Conta xa con dous libros en galego e tamén varias traducións. Sorprende esta traxectoria escritora nun docente de Matemáticas, pero el teno claro. “Sen as humanidades tampouco vagaría a pena vivir, non somos robots, nin todo son magnitudes físicas... están os sentimentos e iso son as humanidades”, recalca o docente, facendo así fincapé en que “unha cousa é o que é útil e, outra, o que é importante” e, nesa liña, defende que “as ciencias son útiles e as humanidades son importantes”.
O premio está dotado con 1500 euros e a publicación da novela, toda unha alegría para o seu autor. “Estou moi satisfeito”, admitiu Alonso, pero tamén “cos pés na terra, xa que para ter éxito primeiro hai que ter moitos fracasos”, recalca, admitindo que xa ten participado en moitos outros certames literarios e saír de baleiro.
Elixido entre unha trintena de traballos
O fallo do xurado fíxose público este xoves. En total presentáronse aos premios 29 traballos procedentes de España e Hispanoamérica. O tribunal encargado de decidira obra gañadora estivo composto por Ignacio María González Santiago, técnico do Instituto Municipal de Cultura do Ayuntamiento de Burgos; Víctor Adot Ruiz, libreiro e vicepresidente da Asociación Provincial de Libreros de Burgos e Jesús Toledano, escritor e presidente de Suabia Ediciones.