A cuarta edición do Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’ celebrarase na contorna do Pazo de Mos o venres 31 de agosto e o sábado 1 de setembro de 2018, pero a programación paralela xa botou a andar coa convocatoria do segundo Concurso de Relatos Curtos sobre a música galega dirixido a rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos. O Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, entidade organizadora do festival, volverá poñer en marcha o concurso co obxectivo de espertar o interese dos cativos pola cultura e as tradicións de Galicia.
Tralo éxito de participación do ano pasado, no que se recolleron máis de 30 redaccións elaboradas por escolares de Mos e dos concellos limítrofes, a segunda edición do certame contará cun xurado conformado polo profesor e investigador da música galega Xaime Estévez, a compoñente do grupo as Lagharteiras Tamara Costas e o actor e titiriteiro Andrés Giráldez.
Os participantes poderán depositar as súas redaccións, cunha extensión máxima dunha cara dun folio, nas caixas de correos instaladas nos distintos colexios públicos do concello de Mos, na Biblioteca Municipal e no propio Pazo.
Os relatos poden estar escritos tanto a man como a ordenador e deben ser en galego. O gañador levará un set de xogos para o aire libre, o segundo finalista un set de xogos tradicionais e o terceiro clasificado un set de xogos de lóxica.