Caldo foi a banda gañadora da final do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña e que tivo lugar o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña nun espectáculo que foi retransmitido en directo a través do canal de Youtube da institución provincial. Nel participaron as cinco bandas finalistas: Caldo, Ukestra do Medio, Koroiev e Momboi, ademais de Verto, o grupo convidado, nun acto que estivo conducido pola xornalista Belén Regueira.
Caldo son María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, canda pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas. Neste proxecto apostan pola composición de temas propios así como pola revisión do repertorio tradicional galego, poñendo o foco na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo. No seu primeiro disco, formado por temas orixinais, Caldo emprega as pezas do repertorio de Moscoso como fío condutor do álbum. Este disco foi gravado en directo, para manter a esencia e a enerxía que desprenden nos seus concertos.
O segundo clasificado foi Koroiev, o proxecto de electrónica en solitario do ferrolán Roberto Casteleiro. A súa música foi derivando cara a banda sonora dun relato imaxinario aínda que sen abandonar o concepto de directo e de instrumentación de banda. Hai unha peculiar heteroxeneidade no estilo, de ahí a etiqueta autoimposta de electrónica onírica. Koroiev sacou a finais do 2019, co selo Ferror Records, o disco “Valverde”, que xoga a crear unha xeografía mítica do Máis Alá partindo das lendas atlánticas das cidades asolagadas.
En terceira posición rematou Momboi, a banda barbanzá de pop-rock con gusto pola música de raíz latinoamericana. Pero non só iso, a banda bebe do folk, do funk e mesmo da psicodelia, todo mesturado co seu propio estilo. As letras van dende o ancestral ao espiritual, pasando por suposto polo amor. Momboi crea un universo imaxinativo e suxerente nas súas cancións, e camiñan coa vista no futuro, sen perder a súa orixe e os sons vintage do rock. En decembro de 2019 lanzan o EP “Ofrenda” e actualmente preparan a gravación do seu primeiro LP.
En cuarta posición rematou a Ukestra do Medio, o compostelá grupo de ukeleles. E en quinta CRNDS, o compositor e produtor coruñés que fai dialogar a electrónica máis experimental e a música tradicional galega.
En metálico os premios son de 3.000 euros para a primeira banda clasificada, 2.000 para a segunda, 1.500 para a terceira e 1.000 para a cuarta e quinta. O Concurso Fran Pérez “Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mileth, Su Garrido, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.
O xurado que elixiu os finalistas os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; ademais da xornalista e músico Xiana Arias Rego; a produtora Aitana Cuétara Yáñez; o músico Marcos Otero Payno; a xornalista Belén Regueira; e o músico Marcos Rodríguez Fontenla.