O uso do galego nas teses de doutoramento, TFG e TFM, ten premio na UVigo

Publicidad

Incrementar o uso do galego nas tarefas investigadoras e premiar o esforzo e o rigor de lle dar un tratamento coidado ao idioma. Con estes propósitos, un ano máis a Área de Normalización Lingüística (ANL) convoca as axudas para redactar e defender en galego teses de doutoramento, así como os premios á calidade lingüística nos TFG e TFM. O prazo para presentar as solicitudes atópase aberto ata o 17 de setembro.

O orzamento total é de 12.000 euros para as tres categorías. As axudas para cada unha das teses será de 600 euros, mentres que no caso dos TFG e TFM, despois da adxudicación dos premios ás teses de doutoramento, o importe será o resultado de repartir entre as persoas seleccionadas o crédito restante, ata un máximo de 400 euros. En todo caso, os premios garantirán dous galardóns por rama de coñecemento en grao e un premio por rama en mestrado.

Entre os requisitos, cualificación mínima de sobresaínte

Para solicitar estas axudas, o alumnado da Universidade de Vigo deberá ter presentado e defendido a tese de doutoramento, TFG ou TFM no curso 2020/2021. Todas as persoas solicitantes deberán ter redactado e defendido os seus proxectos integramente en galego e, en calquera caso, quedan excluídos os traballos do módulo de lingua galega do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e do Grao en Tradución e Interpretación (galego-inglés e galego-francés).

Unha das novidades desta edición é a nota mínima requirida nos TFG e TFM, que deberá ser un sobresaínte, fronte ao notable establecido noutros cursos. Doutra banda, a pandemia da covid-19 e as súas consecuencias motivan que a organización admita tamén as solicitudes do alumnado que teña superado o doutoramento, TFG ou TFM nas convocatorias extraordinarias de setembro e decembro de 2020 e que non puidese participar nesta convocatoria no curso 2019/2020.

Presentación e avaliación

As persoas interesadas deberán realizar a súa solicitude obrigatoriamente a través dun formulario en liña dispoñible na sede electrónica da Universidade. Xunto coa solicitude, cada solicitante terá que anexar un PDF co traballo e a declaración asinada da directora ou director de tese ou da titora ou titor do TFG ou TFM que constate que o traballo foi redactado e defendido en lingua galega.

A comisión avaliadora seleccionará os traballos de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003). Para levar a cabo a avaliación, terase en conta o coñecemento da gramática (40%), a calidade da redacción (20%), o uso correcto da terminoloxía especializada (20%), emprego da linguaxe inclusiva (10%) e a ortotipografía (10%).

Ademais de lanzar estas axudas, a ANL recorda que as persoas interesadas en redactar en galego a súa tese, TFG ou TFM poden obter apoio lingüístico e asesoramento da Universidade de Vigo, por medio da ANL. Este servizo baséase na consulta lingüística e terminolóxica e asesoramento na correción das teses.

Salir de la versión móvil