Os cursos de galego da UVigo do primeiro cuadrimestre serán en liña

Publicidad

A posta da Área de Normalización Lingüística pola virtualidade nos seus cursos de galego vén de moito antes da pandemia da covid-19 e a situación sanitaria non viu máis que a consolidar esta opción. Para o primeiro cuadrimestre deste curso 2021-2022 a ANL oferta cinco alternativas docentes e as cinco serán en modalidade virtual abordando temas como a linguaxe sanitaria, o estilo ou a redacción de TFG e TFM.

Os cursos están destinados á comunidade universitaria e son de balde. Desenvolveranse ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro e o prazo de matrícula está aberto ata o 24 deste mes de setembro.

Curso de redacción e estilo

A oferta para o primeiro cuadrimestre comprende un curso de redacción e estilo, que ten como finalidade que as persoas inscritas adquiran habilidades e coñecementos que lles axuden a mellorar os textos e a facelos máis atractivos. A docencia, de 40 horas que se estenderá entre o 5 de outubro e o 12 de novembro, ten como obxectivo que explicar o concepto de lexibilidade, así como reflexionar sobre as variables que inflúen na lexibilidade dun texto e saber diferenciar rexistros para axustar os niveis de expresión a cada situación comunicativa. As persoas asistentes tamén aprenderán a planificar e ordenar a información dos textos, ademais de fixar as cuestións que a ter en conta á hora de redactar e revisar o que se escribe. Por outra banda, tamén poderán adquirir os coñecementos necesarios para redactar textos cunha linguaxe clara, precisa e adecuada; coñecer as pautas básicas para emitir e recoñecer textos ben escritos e perfeccionar a expresión escrita, para chegar a elaborar textos expresivos e correctos, tendo en conta aspectos como a adquisición de destrezas no uso correcto da puntuación.

Como redactar e expoñer o teu TFG ou TFM

Outro dos cursos que sempre están presentes na oferta da Área de Normalización Lingüística está destinado a axudar ao alumnado a redactar e expoñer os seus traballos de fin de grao e fin de mestrado en galego. Explican dende a ANL que “facer un traballo de investigación solvente é fundamental e saber comunicalo ten a mesma importancia”, de aí a relevancia de “redactar con corrección os traballos académicos e saber expresar as ideas para expoñer os resultados dun TFG ou TFM”. O curso ten unha duración de 25 horas que se desenvolverán entre o 2 de novembro e o 3 de decembro. As e os estudantes poderán mellorar a calidade da lingua nos traballos de investigación, afondar nos parámetros de redacción académica e científica e coñecer a metodoloxía de traballo para preparar o discurso e a súa presentación en público ao tempo que se fomenta o uso do galego nos traballos de investigación.

Linguaxe sanitaria

Un curso que repite no catálogo para este cuadrimestre é Anatomizamos en galego, unha proposta de 30 horas do docencia destinada a persoas interesadas na linguaxe e na redacción sanitaria galega. As clases terán lugar entre o 8 de novembro e o 10 de decembro co obxectivo de revisar as regras gramaticais básicas da lingua galega, coñecer aspectos léxicos e fraseolóxicos do ámbito sanitario, coñecer a estrutura básica dos tipos de textos médicos máis frecuentes, practicar a lingua galega oral no trato coas e cos pacientes e achegarse á situación sociolingüística da lingua galega no eido sanitario.

Avanza co galego

A programación para o primeiro cuadrimestre contempla tamén un curso avanzado de galego, dirixido a persoas que xa posúen un nivel medio ou medio-alto e queiran mellorar a calidade lingüística e aumentar a súa competencia comunicativa en lingua galega. Entre o 4 de outubro e o 12 novembro e ao longo de 40 horas, as e os asistentes poderán ampliar o coñecemento da lingua galega nun sentido integral para empregalo na práctica comunicativa de maneira eficaz e depurar os erros lingüísticos máis frecuentes na lingua galega mellorando así a competencia comunicativa. Ademais, tamén poderán empregar diferentes recursos lingüísticos que permitan unha mellora da práctica comunicativa adquirindo así unha competencia comunicativa de maior calidade.

Curso de extensión cultural

Finalmente, o curso de extensión cultural está dirixido a estudantes estranxeiros de programas de mobilidade interesados en coñecer a lingua e a cultura galegas. Con 75 horas de docencia, 25 delas están reservadas para actividades que lle permitirán ao alumnado achegarse á historia, a antropoloxía, a lingüística e cultura do universo galego As clases desenvolveranse entre o 5 de outubro e o 16 de decembro.

Salir de la versión móvil